O Concello de Monforte foi galardoado coa Escoba de Ouro 2014 na categoría de poboacións de menos de 20.000 habitantes, dentro do da XIV edición dos Premios Escobas de Platino, Oro y Plata 2014 que concede a Asociación Técnica para a Xestión de Residuos e Medio Ambiente, ATEGRUS, como recoñecemento ós municipios, mancomunidades, cabildos, comunidades autónomas, empresas, enxeñerías e consultorías máis destacados na xestión de residuos e limpeza urbana.
Con este premio Monforte ve recoñecida a continuación do seu traballo para conseguir unha cidade máis limpa, consolidando o galardón da Escoba de Prata obtido no certame do ano 2012.
O alcalde, Severino Rodríguez, recibiu o premio nun certame ó que concorreron 78 cidades de España e de América Latina. O acto de entrega das Escobas de Ouro foi presidido pola Embaixadora de México en España, Roberta Lajous Vargas, quen estivo acompañada polo Presidente da Junta Rectora de IFEMA, José María Álvarez del Manzano, o Director Xeral da citada institución feiral, Fermín Lucas, así como por Mario Tavares Russo, Representante de ISWA, a Asociación Internacional de Residuos Sólidos, e Rafael Arjona Jiménez, Presidente da Asociación Nacional de Empresas Públicas do Medio Ambiente ANEPMA.