Dez produtores agroecolóxicos participarán na Feira "Bocados" que se celebrará no centro do Viño de Monforte

A concelleira de promoción económica, Mª Xosé Vega, presentou a Feira Agroecolóxica “Bocados” que se celebrará no Centro do Viño da Ribeira Sacra o venres e o sábado días 9 e 10 de decembro.

 

Segundo explicou Mª Xosé Vega, “Bocados” contará coa participación de dez produtores ecolóxicos, oito dos cales son da Ribeira Sacra e, entre eles, cinco de Monforte. Os outros dous participantes pertencen ós Concellos de A Merca e Vilar de Santos, ambos da provincia de Ourense.

 

A concelleira de promoción económica dixo que o claustro do Centro do Viño é un espazo que se presta para a celebración deste tipo de mercados ou feiras, xa que os seus soportais facilitan o desenvolvemento da actividade. Tamén destacou o feito de que estes produtos establecen unha perfecta maridaxe co viño.

 

Durante os dous días que durará a Feira Agroecolóxica “Bocados” levaranse a cabo actividades complementarias como un vídeo forum con proxeccións relacionadas coa ecoloxía, a sustentabilidade ambiental e o coidado do planeta; unha conferencia sobre produtos ecolóxicos; e unha cata comentada de viño ecolóxico coa participación dos responsables das adegas Abadía da Cova e Diego de Lemos. O Centro do Viño conta ademais coas instalacións axeitadas para desenvolver estas actividades, segundo comentou Mª Xosé Vega.

 

Mª Xosé Vega dixo que “Bocados”, o nome elixido para a feira, “pretende vincular o Centro do Viño coa gastronomía”, e invitou á cidadanía a visitar a feira e participar nos diferentes eventos.

 

Teñen tódolos detalles do programa de actos e sobre os participantes na feira no documento que se adxunta. 

Archivos Adjuntos: