Valoración moi positiva do Alcalde sobre a presentación do Corredor Atlántico de Mercadorías en Madrid

Monforte de Lemos, 20 de febreiro de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acudiu hoxe a unha produtiva e interesante reunión no Ministerio de Fomento, en Madrid, na que se presentaron as últimas novidades do Corredor Atlántico de Mercadorías, nun acto presidido polo Ministro de Fomento, José Luis Ábalos.

A exposición pública do proxecto correu a cargo de José Javier Izquierdo, Secretario xeral de Infraestruturas do citado Ministerio. Tras el, interveu Isabel Pardo, presidenta do ADIF, para explicar polo miúdo as múltiples variantes coas que conta o proxecto, que está dotado, a través de fondos europeos, cunha inversión total de 41.000 millóns de euros.

En concreto, entre outras, tamén se falou das melloras que se levarán a cabo na liña que afecta a Monforte, que é a que parte de Venta de Baños e transcorre por León-Ponferrada-Monforte de Lemos-Ourense-Vigo-A Coruña. Neste senso, estase xa a traballar nesta liña, ben facendo estudos de mellora nalgúns tramos, ben comezando a desenvolver proxectos noutros. O importante é, en verbas do Alcalde, “que o plan sobre o Corredor Atlántico está xa enriba da mesa, reflexado en documentos concretos. É dicir, o Corredor é xa unha realidade documental sobre a que se está a traballar, co obxectivo de poñelo en marcha a medio prazo”. Un proxecto que estará incluído no novo período orzamentario europeo 2021-2017.

Do mesmo xeito, José Tomé Roca resaltou, en relación ao Corredor Atlántico, que “é moi boa noticia para a cidade, porque Monforte será un dos dous nodos loxísticos, xunto con Ponferrada, que figura na liña Venta de Baños-Vigo-A Coruña”. O cal implica que Monforte contará, se todo vai segundo o previsto, cunha plataforma ferroviaria de altas prestacións que canalizará un gran volume de mercadorías.