O Alcalde inaugura a exposición “Jewish Journeys. Los viajes del pueblo judío”

Monforte de Lemos, 9 de marzo de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou onte na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte a mostra “Jewish Journeys. Los viajes del pueblo judío”. O Alcalde estivo acompañado pola 1º Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, así como o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada.

Esta exposición está cedida pola Biblioteca Nacional de Israel á Rede de Xuderías de España, quen á súa vez lla cedeu ó Concello de Monforte. A mostra analiza e ilustra a través de 6 paneis informativos, traducidos ó español pola Rede e acompañados por 24 fotografías, as situacións nas que o pobo xudeu tivo que afrontar as diferentes casuísticas para emprender unha viaxe.

Polo tanto, a través destes paneis informativos percórrense as diferentes motivacións que o ser humano afronta á hora de realizar unha viaxe. Viaxar dun lugar a outro, física, espiritual ou emocionalmente, coloca ás persoas nun camiño de transición.

A exposición permanecerá aberta na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte dende o día 8 de marzo e ata o 5 de abril (só días laborables), en horario de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 21:00 horas, e para visitala haberá que respectar os aforos e recomendacións ante a Covid-19 establecidos polas autoridades sanitarias.

Fundada en Xerusalén en 1982, a Biblioteca Nacional de Israel (NLI) serve de biblioteca tanto ó Estado de Israel como a todos os xudeus do mundo, pois dispón dunha inmensa variedade de contidos en diferentes formatos que documentan a historia, cultura e legado da xente xudía durante séculos.