O Concello de Monforte acolle a exposición “Facémonos Escoitar?” ata o 18 de xullo

Monforte de Lemos, 13 de xullo de 2021. A exposición “Facémonos Escoitar?” loce desde onte, e ata o 18 de xullo, no Campo de San Antonio de Monforte.

 A Rede Museística Provincial e o Colectivo Agrocuir da Ulloa colaboran na posta en marcha do proxecto “Facémonos escoitar?” que ten como obxectivo recoller e amosar testemuñas orais para “construír a memoria LGTBIQA+” en distintas comarcas da provincia de Lugo.

Deste xeito e en colaboración co Concello de Monforte e coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a exposición foi instalada na xornada de onte nas inmediacións da Casa do Concello, co obxectivo de que poida ser visitada por todas aquelas persoas que se achegan a facer as súas xestións ó organismo municipal.

A exposición itinerante “Facémonos escoitar?” é unha selección de 11 voces da provincia de Lugo que durante o mes de xullo percorrerá os municipios de Friol, Cervo, Monforte, Lugo e Monterroso.

Na mesma preséntanse "vivencias acaecidas en diferentes lugares da provincia e relacionadas coa asexualidade, a transexualidade, as familias monomarentais, a literatura infantil sobre diversidade sexual ou a disidencia sexual na Galiza das primeiras décadas do século XX".