As obras de renovación da pasarela entre a rúa Calvo Sotelo e o barrio das Cruces comezan o luns, 29 de outubro

26 de outubro de 2018. O Alcalde, José Tomé, acordou co responsable do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para a zona de Monforte, Luis Palacios, a realización de obras de mellora da pasarela sobre as vías do ferrocarril entre o barrio de As Cruces e a rúa Calvo Sotelo. Así o determinaron logo dunha visita que ámbolos dous realizaron á pasarela para comprobar o estado no que se atopa.

As obras de mellora correrán a cargo do ADIF e consistirán nunha detallada revisión da estrutura así como na dotación dun novo firme. Por outra parte, o mandatario local explica que “a actuación programada nesta infraestrutura inclúe tamén a reparación das varandas, a eliminación do óxido e o pintado daquelas zonas nas que sexa necesario”.

As obras de mellora da pasarela comezarán a próxima semana. A estimación é que os traballos se prolonguen durante un mes, para poder realizar axeitadamente todas as actuacións programadas.

Por este motivo, a partir do luns, 29 de outubro, será preciso cortar o paso de peóns. O Alcalde, José Tomé, sinala que “esta medida adóptase para poder garantir a seguridade das persoas durante a realización dos obras. Por iso, apelo á comprensión dos veciños polas posibles molestias que lles poida causar a realización das obras. O paso pola pasarela quedará reaberto no mesmo momento no que finalicen os traballos previstos”.

Unha vez que o ADIF finalice as obras de mellora da pasarela, o Concello procederá ó arranxo dos seus accesos para que resulte o máis cómodo posible ás persoas que empregan esta pasarela. “O que pretendemos é conseguir unha comunicación máis fácil entre o barrio das Cruces e a rúa Calvo Sotelo”, subliña o mandatario local.