A obra “Sucesos” do Grupo Teatro Viraventos, este sábado en Monforte, dentro do programa Buxiganga

Monforte de Lemos, 14 de novembro de 2019. O salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acollerá este sábado 16 de novembro ás 20:00 horas, a representación teatral da obra “Sucesosa cargo do Grupo Teatro Viraventos. Esta obra enmárcase dentro do Proxecto Teatral Afeccionado Buxiganga que organiza e patrocina a Deputación Provincial de Lugo xunto co Concello de Monforte, polo que conta con entrada libre e gratuíta. A peza está dirixida a público adulto.

A obra está dirixida por Eva F. Ferreira, e é un espectáculo adaptado da obra homónima de Gustavo Pernas Cora. “Sucesos” é un conxunto de pezas breves que poderían enmarcarse no que adoita denominarse "comedia urbana contemporánea".

En escena, transitarán diversos personaxes cotiás envoltos en situacións que destilan un marcado ton de absurdo e humor negro. Os temas que se tratan son a precariedade económica na vellez, o culto a aparencia na época das redes sociais, as novas formas de soidade na sociedade actual e, transversalmente, as dificultades na comunicación humana.

O Grupo de Teatro Viraventos xurdiu hai 18 anos no contexto das actividades de tempo libre para persoas maiores que se organizaban dende os Servizos Sociais do Concello de Monforte. Nestes anos, contou coa participación de mais de medio cento de persoas que levaron a cabo, curso tras curso, a montaxe e representación de 30 obras de teatro, clásicas, adaptadas e de creación propia. Moi activos nas súas actividades, teñen actuado en colexios, festas populares, festas medievais, recitais... e desde hai tres anos, forman parte do Proxecto Buxiganga, representando as obras “O avaro” e “Os intereses creados”.