Aberto o prazo de solicitude para participar no Mercado de Outono da Praza de Abastos de Monforte

Monforte de Lemos, 8 de outubro de 2019. O Concello de Monforte informa que ven de abrirse o prazo de inscrición para participar no Mercado de Outono de Monforte de Lemos, que se celebrará na Praza de Abastos da cidade os días 2 e 3 de novembro de 2019.

Nesta nova edición do Mercado de Outono, poderán participar produtores e comerciantes do sector alimentario relacionados con produtos de tempada de outono. Ademais, este tipo de mercados organizados polo Concello, tamén son unha oportunidade para dar a coñecer novas empresas ou produtores que están a iniciar un proxecto empresarial e que poden utilizar estas instalacións como un escaparate para os seus produtos.

O prazo de presentación de solicitudes será dende o día seguinte ó da publicación das bases na páxina web do Concello e  remata o día 23 de outubro de 2019 ás 14:00 h. Os interesados/as en participar deberán presentar unha solicitude, xunto coa documentación requirida nas bases de participación do Mercado, no Rexistro Xeral do Concello de Monforte.

O horario de apertura dos postos será na xornada do sábado 2 de novembro, de 10:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00 e domingo 3 de 10:30 a 14:00. Será obrigatorio manter o posto aberto nas datas e horario de apertura ao público indicadas.

Para calquera aclaración, os interesados poden dirixirse á Axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Monforte, acudindo á súa oficina situada nas Casitas da Compañía, s/n, ou no teléfono 982 884 775.

Ademais do mercado tamén haberá diversas actividades de ocio e lecer para os máis cativos; en vindeiras datas darase a coñecer a programación prevista para este Mercado de Outono de Monforte 2019.

 

 Bases Mercado Outono Monforte 2019

 Mercado Outono 2019 modelo solicitude 2019