Arrinca a 3ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte coa participación de 25 adegas e un programa cheo de actividades

Monforte de Lemos, 5 de xullo de 2019. A 3ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte abriu oficialmente as súas portas na tarde de hoxe, nun acto inaugural multitudinario, non só debido ao número de autoridades presentes, senón tamén pola presenza de representantes das 25 adegas participantes, así como cidadáns e visitantes.

Previamente ás intervencións do Alcalde da cidade, José Tomé Roca, e da madriña do evento, a cantante e violonchelista monfortina, Rosa Cedrón, o grupo Habelas Hainas (que actuará na praza de España ás 00:30 horas) amenizou o evento inaugural, o cal deu comezo pasadas as seis e media da tarde.

Entre as autoridades presentes, destacar a presencia do Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, da Subdelegada do Goberno en Lugo, Mª Isabel Rodríguez, da Deputada no Congreso, Ana Prieto, do Senador, César Mogo, dos Deputados provinciais Pilar García Porto e Pablo Rivera, do presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, do Delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, da secretaria da mesa do Parlamento de Galicia, Raquel Arias, de alcaldes e alcaldesas tanto da provincia de Lugo (Taboada, Pantón, Sober, Quiroga, Bóveda, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Xermade, Trabada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Folgoso do Courel) como da de Ourense (A Teixeira, Castro Caldelas ou Parada do Sil), de concelleiras e concelleiros da Corporación Municipal, representantes da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, adegueiras e adegueiros e outras moitas personalidades da cidade do Cabe.

Na súa intervención José Tomé Roca comezou recordando que o Festival do Viño foi unha “iniciativa municipal que botou a andar en 2017 en colaboración coa Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, cunha clara vocación de consolidarse no tempo” cuxo obxectivo non é outro que promocionar o viño da Ribeira Sacra.

O alcalde monfortino non se esqueceu dos verdadeiros protagonistas do evento: “quero dar un agradecemento especial ós adegueiros que están hoxe aquí presentes neste Festival. Polo seu compromiso, polo seu esforzo e pola súa colaboración, porque gracias á súa xenerosidade imos poder disfrutar dun evento que proxecta a calidade e a excelencia dos nosos viños nun mercado moi amplo e que fai de reclamo para esta Comarca Única, a cabalo entre Lugo e Ourense, con paraxes espectaculares que a natureza nos regala nas orelas dos ríos Miño, Sil, e por suposto do río Cabe que o temos aquí ó noso carón.”

Esta mostra reúne a 25 adegueiros das 5 subzonas da D.O. Ribeira Sacra, o cal reforza a imaxe dun destino turístico que está de moda e que xira entre outras cousas, entorno á viticultura, pero tamén arredor da cultura, da paisaxe, da gastronomía, da artesanía e do turismo.

Tomé Roca tamén incidiu en que “este evento non pretende competir con ninguén, todo o contrario, pretende sumar e unir esforzos, poñendo o colofón ás magníficas Feiras do Viño que se celebran en varios concellos da Denominación de Orixe.” Porque ademais “o sector do viño, ten por diante un gran potencial, que segue medrando e buscando novas fórmulas de atracción para clientes e turistas, por iso, dende este escaparate do conxunto da Ribeira Sacra, imos seguir traballando en colaboración cos adegueiros, porque traballando en equipo, e sumando esforzos, multiplicaremos os efectos positivos que pretendemos”.

Antes de rematar, o Alcalde quixo agradecer a colaboración de Rosa Cedrón, a madriña deste Festival, “unha monfortina que exerce como tal alí por onde vai, e que cando a chamei púxose inmediatamente á nosa disposición.”

Pola súa banda, Rosa Cedrón, madriña do Festival do Viño, tivo unhas palabras moi emotivas para a súa familia e salientou con orgullo a súas raíces monfortinas, un discurso onde fixo aflorar máis dunha lágrima entre os asistentes, e no que se expresou tamén na súa “primeira lingua”, o canto, adicado ao seu avó.

 Tras a intervención da artista monfortina, a comitiva institucional levou a cabo un percorrido polos 25 stands das adegas participantes, así como polos postos de artesanía e gastronomía tamén presentes no Festival. E non faltou un brinde oficial cos excelentes caldos da D.O. Ribeira Sacra.

 

Na noite de hoxe están previstas as actuacións de dous grupos artísticos na Praza de España: Nova Galega de Danza (23:00 h) e Habelas Hainas (00:30 h).

Sábado 06 de Xullo

11:30 h. - Apertura dos stands.

12:00 a 14:00 h.- Obradoiro de Olería Tradicional da Ribeira Sacra - Figulus.

18:00 a 19:00 h.- Velaisca Animación: desenvolverán o obradoiro “Descórchate” no que se empregarán materiais relacionados co mundo do viño como é a cortiza.

19:00 a 20:00 h.- Taller Tradicional. Contacontos. Anxo Moure.

23:30 h.- Concerto “The Teta`s Van”: Revolución en feminino. Artistas e malabaristas, profesores, estudantes, nais, irmás, tías e amigas que buscan a diversión e a felicidade a través das notas e da nosa lingua galega.

 

Domingo 07 de Xullo

11:30 h- Apertura dos stands.

12:00 a 13:00 h.- Taller Tradicional. Contacontos. Brais Moure.

13:00 a 14:00h. Velaisca Animación. Taller Sensorial. “Os Sentidos da Ribeira Sacra”.

14:00 h - Peche do “Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2019”coa actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación Provincial de Ourense.

 

As 25 Adegas participantes nesta 3º edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte son:

 

  1. Algueira
  2. Peza do Rei
  3. Ponte da Boga
  4. Abadia da Cova
  5. Alma das Donas
  6. Lucenza
  7. Atrium Vitis
  8. Rectoral de Amandi
  9. Petrón
  10. Don Bernandino
  11. Adega Vella
  12. Condado de Sequeiras
  13. Instinto Romano
  14. Pilares de Belesar
  15. Rectoral de Gundivós
  16. Guímaro
  17. Viña Vella
  18. Tolo do Xisto
  19. Malcavada
  20. Tear
  21. Coronin
  22. Ciudáseis
  23. Regina Viarum
  24. Finca Millara
  25. Vía Romana

 

5 stands de Gastronomía con produtos da comarca:

  • “Queixo de cabra SCG”
  • “Queixo negro Buleri”
  • “Casa Neiras. Alimentación tradicional.”
  • “Xamóns D. Francisco”, pertencente á Asociación Nacional Cortadores de Xamón.
  • E tamén establecementos asociados á asociación E para comer Lugo. Son 3 os establecementos de restauración de Monforte que participan: “Tapería Centro do Viño”, “Garden Jungle Bar” e “Restaurante MC”.

 

- A Artesanía está presente a través de 4 stands:

  • “Alfarería Elías González. Reitoral de Gundivós”.
  • “Olería Tradicional da Ribeira Sacra. Figulus”.
  • “Contos. Artesanía e Cerámica”.
  • “Tenda en Lá. Artesanía”.