Ata o 30 de novembro está aberto o prazo para inscribirse na quinta edición do Coworking de Expolemos

Monforte de Lemos, 29 de outubro de 2019. Conta atrás para a posta en marcha da quinta edición do Espazo Coworking de Monforte de Lemos “Ribeira Sacra-IGAPE”, que estará ubicado nas instalacións de Expolemos e que está previsto que poida dar comezo o vindeiro mes de xaneiro do ano 2020. Este programa, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, está impulsado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI), e a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), e conta coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos.

As persoas interesadas en poñer en marcha algunha nova idea de emprendemento na comarca poden realizar xa a súa inscrición para recibir asesoramento a través do seguinte enlace: https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/monforte-de-lemos-5a-edicion.

Poderán participar persoas de tódalas idades que teñan en mente un proxecto de calquera sector, xa sexa turístico, gastronómico, do sector servizos, agrícola, etc. O prazo de inscrición xa está aberto e permanecerá ata o 30 de novembro do presente ano. A matrícula é gratuíta.

No espazo Coworking de Monforte de Lemos os participantes recibirán, sen ningún tipo de custe para eles, asesoramento e un apoio integral para poder poñer en marcha as súas empresas. Os emprendedores atoparán un espazo de traballo en Expolemos con aulas e salas de reunións nas que recibirán formación e disporán dun mentor que os axudará a validar e lanzar o seu proxecto. Ademais poderán participar en diferentes obradoiros e eventos e estarán en contacto con especialistas en comunicación, finanzas e vendas, entre outras disciplinas.

O Alcalde, José Tomé Roca, lanza unha mensaxe para animar á xente a presentar as súas propostas: “a aceleradora de empresas vai ser unha moi boa oportunidade para impulsar novos proxectos na nosa comarca. Nun momento como o actual, precisamos máis que nunca ideas que permitan xerar novos postos de traballo”.

O espazo Coworking ofrecerá asesoramento durante 6 meses, aproximadamente. O programa está concibido para emprendedores que aínda non constituísen a súa empresa, pero ademais, poderán participar as persoas que estean nunha fase inicial de desenvolvemento do seu proxecto.

As persoas interesadas en recibir máis información ou que desexen inscribirse, ademais de no enlace mencionado, poderán facelo tamén na Oficina de Promoción Económica do Concello de Monforte (Casitas da Compañía) ou ben chamando ó teléfono 982 884 775.

 

Desenvolvemento de diferentes tipos de actividades

Obradoiros: Asistencia de acceso libre (obrigatoria para os participantes do Coworking). Axúdase aos emprendedores a validar o modelo de negocio con metodoloxías áxiles, así como a desenvolver as habilidades imprescindibles para poñelo en marcha: “Lean Start Up: Avaliación e validación do teu plan de negocio”, “Crowfunding”, “Estratexias de comunicación en redes sociais”, “Creatividade e innovación”, “Como poñer en marcha un Plan de marketing dixital”, serán algún dos obradoiros que se celebrarán durante o 5º Coworking de Monforte.

Sesións de formación grupal: Dirixidas exclusivamente ós participantes do Coworking e xa que logo de asistencia obligatoria para os mesmos. Nelas traballaranse materias específicas para o impulso e despegue dos proxectos do espazo Coworking: “Finanzas para emprendedores non financeiros”, “Habilidades de comunicación”,  “Xestión do Talento nun proxecto emprendedor: deseña o teu equipo”, etc.

Mentorización: Os participantes do Coworking terán acceso a sesións de mentorización por parte de expertos centradas en acompañar ós emprendedores dende o deseño do modelo de negocio á posta en marcha e optimización do proxecto, dando resposta ás necesidades que xurdan no camiño.

Eventos: Celebraranse diferentes actividades encamiñadas a potenciar o networking e compartir “best practices”, contando coa experiencia doutros emprendores/expertos e empresarios. Asistencia de acceso libre. Como pechadura á edición celebrarase o “Demo Day” durante o cal presentaranse os proxectos participantes no espazo Coworking, a súa evolución e as posibilidades de colaboración cos mesmos.