Entrega de premios do XXVIII Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino 2019 de Monforte

Monforte de Lemos, 13 de maio de 2019. O salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acolleu hoxe o acto final do XXVIII Certame Municipal Teatro para Centros de Ensino 2019 de Monforte, que consistiu na entrega de premios a todos os participantes: seis centros de ensino e unha asociación convidada.

Deste xeito, os centros galardoados foron o IES A Pinguela, CPR Ferroviario, Colexio PP. Escolapios, CEIP A Gándara, CEE Infanta Elena e CEIP Monforte; a asociación convidada este ano foi Prodeme.

O Concello, que organiza dende hai anos este evento a través da Concellería de Cultura, colaborou cos centros de ensino participantes aportando material para a realización de cada obra de teatro representada por unha cantidade máxima de 100 euros.

Ademais, tamén sufragou os premios que se lle entregaron a cada entidade participante, consistentes na gravación en DVD de cada obra representada, que foi entregada en cada caso a cada un dos participantes, así como dun diploma acreditativo da súa participación no certame.

 

Éxito da 28 edición do Certame de Teatro

No ano 2019 foron 7 as representacións teatrais postas en escena, participando seis centros de ensino e unha asociación invitada, contando con 94 actrices e actores, 56 mulleres e 38 homes, 14 persoas dos equipos de dirección e outras encargadas de aspectos técnicos, decoración, maquillaxe...

O Certame programado neste ano entre o 24 de abril e o 9 de maio tentou achegar a unha parte importante da poboación monfortina ao mundo do teatro a través dos seus centros de ensino. Estes, xunto coa Delegación de Cultura, consensúan as bases do certame e logo buscan, preparan e montan as obras de teatro que representarán para o público en xeral e tamén para os seus propios centros. A realización desta actividade non sería posible sen o apoio incondicional dos equipos directivos dos centros de ensino e sobre todo dos seus profesores, que coa súa implicación e enorme traballo logran estes magníficos resultados.

O Certame Municipal Teatro para Centros de Ensino de Monforte é unha das actividades culturais que leva máis anos realizándose dende o Concello xa que, xunto cos centros de ensino da cidade, leva convocándose dende o ano 1991.

Edición tras edición acada un grande éxito en moi diferentes facetas entre as cales salientan a alta e entusiasta participación de nenos e nenas dos diferentes centros e a masiva presenza de público nas representacións teatrais. O Concello busca a través do certame desenvolver as potencialidades artísticas e técnicas do alumnado e das persoas que o orientan, fomentando a convivencia, a tolerancia, a cooperación e a solidariedade.

Podes ver todas as fotos no noso Facebook!!