Este xoves continúa o ciclo da Rede Galega de Teatros en Monforte coa obra O meu mundo non é deste reino de Teatro da Ramboia

Monforte de Lemos, 11 de novembro de 2019. O teatro volverá ser protagonista esta semana da actividade cultural deseñada pola concellería de Cultura do Concello de Monforte, enmarcada dentro do ciclo da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó segundo semestre de 2019 en Monforte de Lemos continúa a súa andaina este xoves 14 de novembro ás 20:15 h no Edificio Multiusos, coa aposta en escena da obra O meu mundo non é deste reino da compañía Teatro da Ramboia obra de Manuel María, dirixida por María Peinado e interpretada por Anxo García e Fran Lareu.

A representación dará comezo ás 20:15 horas e o prezo da entrada xeral será de cinco euros, mentres que para estudantes, desempregados e xubilados será de tres euros. Esta é a terceira cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios do segundo semestre de 2019 en Monforte de Lemos.

A obra O meu mundo non é deste reino foi a gañadora do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, proxecto presentado por Teatro da Ramboia e realizado sobre o texto de Manuel María O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú.

-Sinopse: Un par de trapeiros chegan a unha parada no seu camiño despois de días de longa viaxe cara á Feira do Vento. Traen consigo unha carga enorme de todo tipo de obxectos estraños: cortinas rimbombantes, paus de todos os tamaños, bolsas das que despuntan teas dunha chea de tecidos e cores distintas, e algo que semella ser unha enorme e aparatosa mochila de madeira. Abraiados ante a abundancia de público, dispóñense a situar as súas pertenzas no espazo con ánimo de venderlle algunha aos alí reunidos. Coma os máis experimentados vendedores de fume, deixan o seu ben máis atesourado para o final; un tutilimundique contén nos seus adentros ao condenado reino de Bululú e os seus habitantes. E así, dáse comezo á farsa.