O Alcalde analiza cos adegueiros a organización do Festival do Viño

Monforte de Lemos, 5 de xuño de 2019. Na tarde de onte, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, reuniuse na Casa do Concello cos adegueiros que van participar no 3º Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, os días 5, 6 e 7 de xullo no Paseo do Malecón.

Na citada reunión, á que asistiron 14 das 20 adegas xa inscritas no Festival, o Alcalde estivo acompañado da empresa monfortina á que lle foi contratada a organización e desenvolvemento do evento, que foron desgranando toda a información relacionada cos aspectos organizativos do evento, analizando tamén os borradores do que será o cartel anunciador e da promoción do mesmo, tanto a través de redes sociais como de medios de comunicación.

A reunión discorreu en total sintonía entre os adegueiros e o Concello, por compartir o mesmo obxectivo de promoción do viño, da Ribeira Sacra e de Monforte. E sobre a mesa tamén se puxeron propostas para ir mellorando de cara ó futuro aspectos que beneficien ó turismo en xeral e polo tanto, tamén ó sector do viño.

Nos vindeiros días darase a coñecer o cartel anunciador do festival e días despois o conxunto do programa do Festival, así como o custe da totalidade de organización do evento.