O Alcalde informa do inicio dos traballos de impermeabilización da cuberta dos vestiarios do campo municipal Luis Bodegas

Monforte de Lemos, 3 de decembro de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que onte luns 2 de decembro deron comezo os traballos de impermeabilización da cuberta dos vestiarios da fase nº 1 do Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas.

A obra está dirixida a solucionar os problemas de filtracións que ven rexistrando o edificio e que están orixinando prexuizos e incomodidades ós usuarios da instalación.

“A intervención”, indica o Alcalde, “consistirá na renovación completa da impermeabilización da cuberta así como a substitución dos lucernarios existente que dan luz natural ó interior do edificio. Tamén se levarán a cabo labores de reparación das zonas de falso teito do interior, danadas polas filtracións de auga, e se substituirán todas as luminarias existentes por tipo LED”.

Nos vindeiros días tamén se procederá á substitución da rede parabalóns motorizada que está ubicada detrás de cada unha das porterías dos campos de fútbol 7 que dan á grada, e que se presenta bastante deteriorada polo uso e polo paso do tempo.

Con este tipo de actuación, “dende o Equipo de Goberno do Concello de Monforte pretendemos que unha das instalacións deportivas máis utilizadas do Concello se atope nas mellores condicións posibles para o seu uso por parte de Clubs e Entidades Deportivas de Monforte, así como por usuarios esporádicos de tempo libre”, sinalou o rexedor municipal.

A inversión total para levar a cabo as melloras no Campo Luis Bodegas supera os 17.000 euros. A empresa encargada de realizar a impermeabilización da cuberta e Esmón Estructuras de Construcción S.L.U. e o importe da obra é de 14.118,87 €. A empresa encargada da substitución da rede parabalóns motorizada é Toldos Ourense e o importe da obra é de 2.964,50 €.