O Alcalde visita as obras de mellora das instalacións nas que se imparte o Obradoiro de Emprego

18 de xaneiro de 2019. O Alcalde, José Tomé, supervisou esta mañá as obras que os alumnos do Obradoiro de Emprego estiveron realizando, durante estes dous meses, para mellorar as instalacións nas que reciben a súa formación. Os traballos programados contemplan substitución de dous módulos para poder habilitar novas aulas e unha sala de reunións.

 

Concretamente, hoxe os operarios realizan as tarefas de cimentación neste  módulo cuxas medidas son de 29’15 metros por 6’50. Para poder executala, empregáronse 20 metros cúbicos de formigón. Este novo espazo conterá dúas aulas de, aproximadamente, 60 metros cadrados cada unha delas. Por outra parte, haberá unha secretaría cun despacho anexo e un aseo. Ámbalas dúas aulas estarán separadas por un tabique móbil. Previamente á cimentación, realizáronse os encofrados.

 

Cómpre destacar que unha das aulas está concibida como aula TIC. O mandatario local, José Tomé, destaca que “proxectamos este novo espazo como proba da aposta que realizamos dende o Concello de Monforte para fomentar as novas tecnoloxías e a economía dixital. O proceso formativo no que participan os alumnos e as alumnas do Obradoiro de Emprego debe permitir posibilidades telemáticas de intercambio de gráficos, de imaxes fixas ou de transmisión de ficheiros dende ordenador, por exemplo”.

 

Máis adiante está previsto seguir adiante coa substitución dos resto de módulos, que están deteriorados polo paso do tempo.