O Concello convoca o XXVIII Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino 2019

Cartaz Certame Municipal de Teatro Centros de Ensino 2019

Monforte de Lemos, 14 de febreiro de 2019. O Concello de Monforte, a través da súa concellería de Cultura, convoca o XXVIII Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte, que se realizará entre o 24 de abril e o 9 de maio de 2019.

No certame poderán participar todos os centros de ensino de Monforte de Lemos representando unha soa obra de teatro. Do mesmo xeito, tamén poderán participar como invitados outras asociacións ou colectivos locais despois da correspondente petición e da aceptación por parte da Delegación Municipal de Cultura.

Inscrición e requisitos

As solicitudes de inscrición para a participación no certame presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte a partir do día en que estas bases sexan efectivas (o día en que se publiquen na web do Concello). O derradeiro día para realizar a inscrición é o 1 de abril.

A documentación que haberá que presentar é título da obra, autor, reparto, nome do director, sinopse e duración da mesma.

Todos os participantes no Certame deberán pertencer obrigatoriamente ó centro ó que representan. As obras que representen os centros de ensino terán unha duración mínima de media hora e deberán ser estreadas no certame.

XXVIII Certame Municipal de Teatro

As representacións das obras de teatro terán lugar no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, sempre en horario de 20:00 h. As datas da posta en escena das obras, serán determinadas pola Delegación Municipal de Cultura e os centros de ensino nunha reunión que terá lugar o 1 de abril no Concello de Monforte de Lemos, ás 12:00 h.

O Concello colaborará cos centros de ensino participantes aportando material para a realización da obra por unha cantidade máxima de 100 euros. Os premios consistirán na gravación en DVD das obras representadas que serán entregadas ós centros participantes, así como dun diploma acreditativo para cada un dos participantes. A entrega de premios terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o 13 de maio ás 18:00 h.

 Bases XXVIII Certame Municipal de Teatro para Centros de ensino de Monforte 2019