O Concello de Monforte informa da posta en marcha dunha campaña para promover a reciclaxe de envases de vidro na hostalería da cidade

Monforte de Lemos, 3 de outubro de 2019. O Concello de Monforte informa da posta en marcha, dende hoxe xoves, dunha nova campaña na que visitará os establecementos hostaleiros para promover a reciclaxe dos residuos de envases de vidro no sector e facer efectivas as ordenanzas municipais que obrigan a estes grandes xeradores a xestionar correctamente os seus residuos.

No ano 2018, segundo datos facilitados por Ecovidrio, Monforte reciclou 282.730 kg de vidro nos 120 contedores que hai repartidos polo municipio, situándose con 15,2 kg por cada habitante na media da provincia. No que vai de ano, o crecemento alcanza xa un 5,2% sobre o mesmo período do ano anterior, polo que con esta nova acción, o que se pretende é conseguir resultados históricos na reciclaxe de vidro que fagan de Monforte un referente na recollida de vidro de toda a provincia de Lugo.

Para levar adiante esta iniciativa, porase en marcha un traballo de campo a cargo de técnicos medioambientais para reforzar o coñecemento das ordenanzas municipais en materia de reciclaxe de envases de vidro. Do mesma xeito, promoverase a sensibilización sobre os beneficios ambientais e aforros económicos que a reciclaxe xera para o Concello.

A campaña informará sobre as ordenanzas municipais actuais, que recollen a obrigatoriedade de reciclar para os grandes xeradores; o obxectivo non é outro que aumentar as taxas de reciclaxe de vidro. As visitas de persoal cualificado aos establecementos comezarán neste mes de outubro no casco urbano de Monforte estendéndose posteriormente ao resto do municipio.

Así, prevese, nunha primeira fase da campaña que, durante arredor de semana e media, sexan visitados uns 120 locais de hostalería. Posteriormente, elaborarase un informe descritivo de todos os locais visitados, indicando os comentarios e necesidades prantexados polos hostaleiros.

Tras esta primeira fase de información e detección de necesidades, nunha posterior, entregaranse cubos de diferentes capacidades a aqueles locais que os soliciten, para facilitar a reciclaxe de residuos de envases de vidro segundo o volume de xeración de cada establecemento. Tamén, se levarán a cabo auditorías para comprobar que estes realizan correctamente a separación en orixe.

O sector hostaleiro xera case o 50% dos residuos de envases de vidro dun só uso que se comercializan en España, polo que é un sector crave para a consecución de obxectivos de reciclado. Por iso, avanzar na implantación de hábitos sostibles no sector supón unha mellora significativa na loita contra o cambio climático.