O Concello de Monforte mellora as sinalizacións turísticas da cidade

Monforte de Lemos, 15 de outubro de 2019. Na mañá de hoxe, a 1ª tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada, e o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, supervisaron os traballos de mellora de sinalizacións turísticas da cidade.

En concreto, os concelleiros supervisaron as obras de instalación de 4 planímetros novos que veñen a substituír a planímetros vellos que se atopan en mal estado, e de 3 mástiles direccionais, que tamén reemplazarán a vellas sinalizacións deterioradas.

Dende o Equipo de Goberno do Concello, considérase que a “sinalización turística urbana é un servizo esencial para as cidades, tanto para os seus habitantes como para os visitantes, que contribúe en gran medida á imaxe da propia cidade que se forma á poboación, polo que debe terse en conta tanto a calidade como a estética das sinais”. Neste senso, estes novos elementos de sinalización foron elaborados segundo as especificacións técnicas do manual oficial de sinalización turística da Axencia de Turismo da Xunta de Galicia.

Os mástiles direccionais servirán para mellorar as indicacións de puntos de referencia da cidade, como son a Oficina de Turismo, a Casa da Cultura, a Casa do Concello ou a Ponte Medieval.

Os 3 mástiles estarán ubicados na entrada do Parque dos Condes, no inicio da rúa Cardenal (entrada por avenida de Galicia), e na praza Doutor Goyanes.

Os planímetros foron elaborados dacordo cun formato de deseño máis actual que os vellos paneis, contendo así información por ambas caras do panel: por un lado, o visitante poderá consultar un plano da cidade con indicacións de interese, e pola outra cara, inclúese o planímetro do centro histórico-artístico, no que se resalta en especial o patrimonio de Monforte, acompañado de fotos e textos explicativos.

En concreto, os monumentos-histórico artísticos que se potencian nestes paneis son o Casco Histórico, o Centro do Viño da Ribeira Sacra, o colexio de Nosa Señora da Antiga e a Pinacoteca dos Escolapios, o Burgo Medieval, o Complexo de San Vicente do Pino (Mosteiro Beneditino de San Vicente do Pino, Pazo Condal e Torre da Homenaxe) e Parador de Monforte, o Convento de Santa Clara e o Museo de Arte Sacro das Nais Clarisas, a Igrexa de Santa María da Régoa, a Muralla Medieval (Cárcere Vella, Porta da Alcazaba e Porta Nova) e Xudería, o Museo do Ferrocarril de Galicia, a Ponte Medieval e a Praza de Abastos.

Os 4 planímetros estarán situados na entrada do Parque dos Condes, no inicio da rúa Cardenal (entrada por avenida de Galicia), na praza de España e na praza Luis de Góngora.

Con esta nova sinalización turística, o Equipo de Goberno do Concello segue a mellorar os elementos informativos e descritivos de Monforte, a fin de ofrecer tanto ós cidadáns como a aqueles que visitan a cidade, servizos de calidade que permitan coñecer os principais elementos do noso patrimonio artístico e cultural, e a súa ubicación, para que poidan ser visitados.