Aberto o prazo para solicitar a participación na XVIII Feira Medieval de Monforte

Monforte de Lemos, 29 de xaneiro de 2020. O Concello de Monforte de Lemos ven de abrir o prazo para solicitar a participación na XVIII Feira Medieval de Monforte. Deste xeito fanse públicas as bases para a solicitude de participación na Feira Medieval que se celebrará o sábado día 11 e o domingo 12 de abril.

As bases recollen o procedemento de solicitude, documentación que se debe achegar, así como aspectos relacionados coas características dos postos, a decoración dos mesmos,  a utilización de materiais nas súas estruturas, o prezo e os horarios de apertura e peche.

Segundo se especifican nas citadas bases, o 17 de febreiro remata o prazo de inscrición, e o día 10 de marzo publicarase na páxina web municipal (www.monfortedelemos.es) a listaxe de admitidos/as, data na que tamén se indicará a forma de facer efectivo o prezo de inscrición.

A organización da XVIII Feira Medieval admitirá tres modalidades de postos: alimentación, artesanía e comercio. E, do mesmo xeito, dará prioridade ás solicitudes de vendedores/as de Monforte, así como aqueles postos de artesanía con carta de artesá/na.

O prezo dos postos de artesanía e comercio será de 41,19 € para os que midan ata 3 metros de longo e de 51,54 € para os que pasen desta medida. Os postos gastronómicos deberán ingresar 61,89 € independentemente do seu tamaño.

Nos seguintes enlaces poden descargar as bases, o regulamento e o modelo de solicitude de participación:

 Bases Participación

 Regulamento Participación

 Formulario Participación

 

Na Sede Electrónica da entidade (https://sede.monfortedelemos.es) pódese realizar a inscrición ON-LINE. Para elo deberá de dispoñer do certificado dixital ou DNI electrónico. O procedemento de inscrición atópase na área de Tramitación (modalidade: Cultura). Tamén pode acceder a través deste enlace:

SEDE ELECTRÓNICA