Este venres 31 remata o prazo para as axudas ó transporte do alumnado universitario e de ciclo medio de Monforte

Monforte de Lemos, 28 de xullo de 2020. O Concello de Monforte informa que este venres 31 de xullo remata o prazo para a presentar a xustificación das axudas para os gastos de transporte público ás distintas universidades da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto do alumnado universitario empadroado no Concello de Monforte de Lemos, como do alumnado de ciclos medio e superior de Formación Profesional e Bacharelato que teñan que desprazarse fóra do Concello de Monforte de Lemos.

Para xustificar estas axudas os beneficiarios deberán presentar no Rexistro do Concello de Monforte a seguinte documentación:

  • Os billetes ou bonos do medio de transporte utilizado no que consten, de forma lexible, a data do billete ou bono, o percorrido e o  importe da viaxe ou factura da empresa de transporte utilizado. O percorrido referirase ó transporte dende Monforte ata o lugar no que se realice o curso, calquera variación na ruta seguida deberá explicarse na xustificación (Anexo lll).
  • Anexo III: debidamente cumprimentado.

Non se admitirán billetes ou bonos deteriorados, ilexibles ou nos que non conste a data de emisión. Así mesmo tampouco se admitirán billetes correspondentes a festivos ou vacacións segundo o calendario académico.

Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a esixencia do interese de demora, desde o momento do pago da subvención nos casos e de conformidade co establecido no artigo 37 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

Dende o Concello de Monforte destináronse 14.000 € para os gastos de transporte do curso 2019/2020 (período de setembro do 2019 a xullo do 2020), con cargo aos créditos consignados no Orzamento Xeral Municipal para o exercicio 2019.