O Alcalde de Monforte e o Presidente da CHMS asinan un Protocolo de colaboración para seguir mellorando a rede de saneamento do Concello

Monforte de Lemos, 15 de maio de 2020. Na mañá de hoxe, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, convocou unha rolda de prensa presencial, na que se gardaron as correspondentes medidas de seguridade e hixiene por mor do Covid-19, para dar conta dun importante acordo que o Alcalde asinou co Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, quen tamén participou en dita rolda de prensa.

En concreto, e tras levarse a cabo o acto de sinatura ante os medios de comunicación deste Protocolo polos representantes das dúas entidades, o Alcalde informou na súa intervención sobre os pormenores deste Protocolo de colaboración,  que consistirá nun estudo de alternativas para a mellora integral do saneamento e depuración de Monforte de Lemos, e para a financiación, execución e entrega da segunda fase das obras de mellora do saneamento urbano desta localidade.

Neste senso, o Alcalde agradeceu ó compromiso do Presidente da CHMS co Concello e a cidade, pois este Protocolo de colaboración “vai permitir seguir mellorando o saneamento de Monforte que se atopa deteriorado despois de que levara moitos anos sen que ningunha administración anterior actuara nel para ilo mellorando”.

No ano 2015, sendo xa Tomé Roca Alcalde da cidade, dende o Concello foi enviado á Confederación Hidrográfica un plan de redución de vertidos moi ambicioso, que supoñía a mellora integral do saneamento e da depuración de Monforte, e que necesitaba uns investimentos que oscilaban entre os 12 e os 15 millóns de euros.

Este Plan de redución de vertidos foi aprobado pola Confederación Hidrográfica en febreiro de 2016 e como consecuencia de elo, o Concello asinou un Convenio coa propia Confederación e coa Deputación Provincial de Lugo, “que vai permitir que dentro duns días comecen as obras de mellora en tres zonas da cidade para impedir as filtracións de augas limpas á rede de saneamento, actuacións que presentamos fai uns días en compañía do Presidente da Confederación” indicou o rexedor municipal.

Coa sinatura deste Protocolo de colaboración, e unha vez asinado o correspondente convenio nos próximos meses, redactarase un proxecto que incluirá a renovación total ou parcial dos colectores da rúa Morín, da rúa Xoán Montes, da rúa Valle-Inclán, dos colectores secundarios do Barrio das Cruces, do que discorre xunto ó Regato das Malloadas, así como o aliviadero do Parque dos Condes.

Trátase de melloras moi importantes na rede de saneamento de Monforte que na actualidade están causando problemas coa filtración de gran cantidade de auga limpa, que entra na rede de saneamento e dificulta o funcionamento da Depuradora.

“Pero quizais” indicou o Alcalde, “a actuación máis sensible para todos os monfortinos será a supresión do aliviadero do Parque dos Condes, que cando hai moita choiva ou en época de tormentas, soe aliviar ó río Cabe, e unha vez realizado este proxecto, o aliviadero desaparecería e xa non sería un problema medioambiental, porque xa non haberá vertidos ó río Cabe. Deste xeito, o río Cabe vai gañar moito en calidade ambiental e en limpeza das súas augas”.

Este vai ser o terceiro punto importante de supresión de vertidos directos ó río, unha vez que xa se suprimiu o vertido da rúa Caneiro xunto ó Club Fluvial e o vertido de Aceña Nova xunto ó Muíño da Venezonala.

O investimento necesario para levar a cabo estas actuacións ascende a 2,4 millóns de euros, que serán aportados pola Confederación Hidrográfica e o Concello de Monforte. Se a esta cifra lle engadimos os 1,4 millóns de euros correspondentes ó convenio anterior, destinados tamén á mellora da rede de saneamento municipal, “observamos que entre a Confederación Hidrográfica, a Deputación de Lugo e o Concello investimos en moi pouco tempo no saneamento da cidade preto de 4 millóns de euros, concretamente 3.800.000 euros”, salientou o Alcalde, quen a continuación cedeu a palabra ó Presidente da CHMS.

José Antonio Quiroga salientou na súa intervención que para a Confederación Hidrográfica “Monforte é un lugar estratéxico, que forma parte dos lugares da conca Miño-Sil nos que pasaron décadas sen que ninguén se preocupase polos problemas de saneamento. Insisto, Monforte é un dos lugares estratéxicos onde a Confederación vai poñer moito interese, e na medida das nosas posibilidades, imos profundizar nun traballo que teña como obxectivo  a mellora das masas de auga e un saneamento integral da cidade.”

Nos vindeiro meses está prevista a elaboración do correspondente convenio mediante o cal se detallarán as actuacións previstas, convenio que, unha vez conte co acordo das partes implicadas, Concello e CHMS, será asinado e dado a coñecer.

 


O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o Presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, no acto de sinatura do Protocolo de colaboración