O Alcalde reúnese cos adegueiros para preparar a 4ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

Monforte de Lemos, 21 de febreiro de 2020. Na tarde de onte, o Salón de Plenos do Concello de Monforte acolleu unha reunión con motivo da organización da 4ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. Na xuntanza, que foi convocada polo Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acudiron adegueiros da Ribeira Sacra, representantes do Consello Regulador e as responsables da empresa monfortina encargada do desenvolvemento técnico do certame.

O Alcalde iniciou a súa intervención analizando a pasada edición do Festival en 2019 e informando do orzamento destinado a tal efecto, que ascendeu a 131.749,51 euros, dos cales 40.000 euros foron aportados pola Deputación Provincial de Lugo e os outros case 92.000 euros polo Concello de Monforte. Neste senso, tamén confirmou a inversión para a vindeira edición de 2020 indicando que “os custes da que será a 4ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte serán asumidos, como o pasado ano, polo Concello e pola Deputación Provincial de Lugo. No caso da Deputación, a partida aumentará algo con respecto a 2019”. Así, resaltou Tomé Roca, “está garantida unha nova edición do Festival, baixando deste xeito a aportación municipal”.

A xuntanza serviu tamén para dar a coñecer ós adegueiros os principais resultados da pasada edición do Festival do Viño, que se celebrou do 5 ó 7 de xullo de 2019. As representantes da empresa monfortina que desenvolve o evento foron as encargadas de comentar ós asistentes  as principais cifras de afluencia, uns 15.000 visitantes, así como a campaña publicitaria ideada para a promoción da pasada edición e o impacto mediático e a presencia en redes sociais que tivo o evento.

Estudo do impacto do Festival do Viño a cargo da USC

O Alcalde tamén deu a coñecer ós adegueiros o estudo que foi encargado dende o Concello de Monforte á Universidade de Santiago de Compostela, a fin de analizar o impacto que o Festival do Viño ten en Monforte e na súa comarca.

Este estudo, que ten un custe que ronda os 10.000 euros, analiza ó longo dun ano todos os indicadores socioeconómicos relacionados co Festival, tanto nas semanas previas á súa celebración, como durante o desenvolvemento do mesmo, e tamén tras a celebración do certame.

Deste xeito, indicou o Alcalde “saberemos, a través dun estudo rigoroso a cargo dunha institución de contrastado prestixio como é a Universidade de Santiago, o impacto económico, turístico e social que ten o Festival do Viño na nosa cidade, pero tamén na nosa comarca”.

 

Balance da 3ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

A terceira edición do Festival do Viño celebrouse os días 5 a 7 de xullo de 2019 no Paseo do Malecón en Monforte de Lemos, e contou coa participación de 25 adegas da D.O. Ribeira Sacra. Un evento, cuxa finalidade é promocionar os viños da Ribeira Sacra nun entorno cultural, paisaxístico e de tradición único en Galicia.

Calcúlase que unhas 15.000 persoas participaron nos 3 días de duración do certame, sendo maioritariamente un público procedente de todos os puntos de Galicia pero tamén de ámbito nacional e internacional.

Dende a organización do certame, na edición de 2019 introducíronse melloras e redeseñouse o logotipo do Festival, que foi implementado nun completo material divulgativo. Este incluíu a impresión de 6000 carteis que se distribuíron por toda Galicia, 24 lonas e 60 pancartas que se colocaron por toda a cidade, 3.500 trípticos que foron distribuídos por toda a comarca e enviados a todas as oficinas de turismo de Galicia, e 10 rull-ups que foron ubicados estratexicamente en diversos puntos claves da Ribeira Sacra.

Do mesmo xeito, para promocionar o Festival do Viño, ideouse unha ambiciosa campaña en medios de comunicación. O Festival contou con presencia constante, a través de cuñas publicitarias, nas principais radios do sur da provincia de Lugo, publicáronse anuncios en todas as edicións de dous dos xornais de maior relevancia en Lugo e Galicia, El Progreso e La Voz de Galicia, e tamén se incluíron banners nas edicións dixitais destes dous xornais, así como en eixoatlantico.com, encomun.es ou xornaldelemos.gal.

Tamén se realizaron 14 vídeos promocionais para a presentación do evento, para dar a coñecer á madriña do Festival, que foi a artista Rosa Cedrón, para informar sobre a celebración das 4 “Viñorutas” que se celebraron durante o certame, así como sobre os concertos que tiveron lugar na praza de España (Nova Galega de Danza, Habelas Hainas e The Teta’s Van) e a propia promoción das adegas participantes. Todos os vídeos foron difundidos a través dos canais Youtube e Facebook, e dende a propia web do Concello. O número de reproducións foron os seguintes:

  • 8 vídeos sobre a presentación de actividades: 16.790 reproducións.
  • 2 vídeos de presentación do cartel oficial e do programa de actividades: 3.070 reproducións.
  • 3 vídeos sobre os concertos: 5.432 reproducións.
  • 1 vídeo sobre a emisión de programas de radio en directo dende o Festival: 322 reproducións.

 

Impacto mediático e en Redes sociais

Ademais de todas as noticias que se publicaron nos diferentes medios escritos e que se canalizaron nas emisoras de radio, destacar as dúas emisións en directo que levou a cabo a Televisión de Galicia, e dos programas en directo que emitiron dende o Festival Onda Cero Monforte e Radio Principal Monforte Cadena Ser.

Onda Cero Radio no ano 2019 incrementou o seu nivel de audiencia nun 30% con respecto ó ano 2018. Nas súas redes sociais as novas relacionadas co Festival superaron de alcance as 120.000 personas con máis de 300 compartidos. O programa emitido en directo dende o Festival tivo un alcance de 11.000 persoas.

En canto ós datos de Radio Principal Cadena Ser o acumulado otubro -maio de 2019 foi de 5.000 oíntes. No referido ás súas redes sociais, o seguimento de Facebook é de  6.367 persoas; no referido a publicacións relacionadas co Festival, o alcance foi de 16.031 personas.

No impacto global obtido en Redes Sociais, cabe destacar os relativos a Facebook e Instagram.

No caso de Facebook o alcance total dende a presentación do Festival, dende mediados de maio ata mediados de xullo foi de 72.421 persoas. Houbo 10.427 interaccións de usuarios, a páxina contou con 516 seguidores, dos que o 63% foron mulleres e o 37% homes, mentres que as reproducións de vídeo alcanzaron as 46.763.

Creouse un Instagram específico do Festival do Viño de cara a potencialo aproveitando a inversión de publicidade realizada en Facebook e vinculala a Instagram. Deste xeito, realizáronse 24 publicacións e acadáronse 513 seguidores.

En canto ós banners en medios dixitais estes foron os resultados:

  • El Progreso: 162.115 impresións; o anuncio en papel foi visto por 94.000 lectores segundo o EGM.
  • La Voz de Galicia: 185.025 impresións; o anuncio en papel foi visto por 112.000 lectores segundo o EGM.
  • www.EnComun.es: 825 impresións.
  • www.EixoAtlántico.com: 924 impresións.
  • www.XornaldeLemos.gal: 6.925 impresións.

 

Batería de ideas e próxima xuntanza 

Trala exposición dos principais datos acerca da 3ª edición do Festival do Viño, os adegueiros e organizadores expuxeron unha batería de ideas de cara a mellorar á organización da que será a cuarta edición do Festival en xullo deste ano. Ditas suxerencias serán analizadas dende o Concello e a empresa organizadora co fin de que o Festival resulte de novo todo un éxito.

Tamén coincidiron, adegueiros e organizadores, en resaltar o éxito do Festival do Viño de 2019, así como a profesionalidade desenvolvida durante a súa celebración por todos os implicados no mesmo, e no que o bo tempo e a afluencia constante de visitantes contribuíron decisivamente a dito éxito.

O Alcalde pechou o encontro comprometéndose a levar a cabo outra reunión organizativa do Festival aberta a todos os adegueiros que desexen acudir á mesma, e que será convocada unha vez celebrada a Feira Medieval de Monforte, e en canto estean avanzados os aspectos organizativos do vindeiro Festival do Viño.