O Concello de Monforte acolleu a primeira sesión ordinaria do Consello Municipal de Saúde

Monforte de Lemos, 18 de febreiro de 2020. O salón de plenos do Concello de Monforte acolleu onte ás 20 horas a primeira sesión ordinaria do Consello Municipal de Saúde, órgano que se constituíu o 21 de febreiro de 2019.

A xuntanza foi presidida polo Alcalde da cidade, José Tomé Roca, e nela estiveron tamén presentes Pilar Espinosa, Concelleira de Sanidade e vicepresidenta do Consello, e os vogais do Consello, Gloria Prada, 1ª Tenente de Alcalde, Emilio Sánchez, concelleiro do BNG, Katherinie Varela, concelleira do PP, Maribel García, concelleira de Esperta Monforte, Victor Manuel López, en representación da xerencia do Hospital Comarcal, Teresa Fernández, representante da xunta de persoal da área sanitaria do Hospital, Manuel Vázquez, do Colexio oficial de Farmacéuticos, Marina López, presidenta da Asociación de veciños de Cobas, e representando á Plataforma en defensa da sanidade pública-PLADESAPLU asistiron Manuela Fuentes e Mª Purificación Rodríguez.

O punto central que se abordou nesta primeira xuntanza do Consello Municipal de Saúde foi a análise da situación sanitaria do concello de Monforte, así como da súa comarca. Deste xeito, os diferentes participantes expuxeron as eivas, carencias e dificultades polas que atravesa esta área sanitaria, e en concreto, as referidas ó Hospital comarcal, ós ambulatorios ou á hospitalización domiciliaria.

Logo das diferentes intervencións, o Alcalde fixo unha proposta ós membros Consello de elaboración dun documento no que se recollesen as principais demandas e propostas derivadas da análise levada a cabo nesta reunión. Dito documento recolle tres propostas principais:

1.- Solicitar á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia así como ós diferentes Grupos Parlamentarios do Parlamento de Galicia que se comprometan a devolver á situación anterior ás áreas sanitarias da provincia de Lugo (Monforte, Burela e Lugo).

2.- Que se cubran as prazas vacantes de persoal tanto no Hospital como nos ambulatorios, tanto en atención primaria como na plantilla de especialistas.

3.- Que se melloren as condicións da sala de consulta e tratamento de atención temperá do Hospital, xa que actualmente esta sala non resposta ás necesidades dos seus usuarios (carencia de ventás, dimensións moi reducidas,...).

Dito documento, que foi consensuado por unanimidade dos asistentes, acordouse que será dirixido tanto ós responsables da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia así como ós diferentes Grupos Parlamentarios do Parlamento de Galicia.

Dende o Consello Municipal de Saúde, en verbas do Alcalde, “non se pon en cuestión o bo facer dos profesionais da sanidade senón as carencias polas que pasa o sistema sanitario en Monforte, centradas na falta de persoal e na falta de medios e recursos para atender axeitadamente ós pacientes”.