O Concello de Monforte anuncia a renovación dos bolardos da rúa Conde

Monforte de Lemos, 23 de maio de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a renovación dos bolardos da rúa Conde, concretamente os situados entre o tramo da rúa Compañía e a Avenida de Galicia.

Esta renovación, que consistirá na instalación de 38 bolardos novos, obedece a necesidade de repoñer bolardos desaparecidos ou substituír outros que se atopan deteriorados na citada beirarrúa correspondente ós seus números pares, co fin de evitar estacionamentos inapropiados ou non permitidos, e debido a que hai algúns tramos de beirarrúa que carecen deles.

Estes elementos son fundamentais para garantir que as beirarrúas da rúa Conde estean en condicións para ser usadas en todo momento. En concreto este é un tramo de elevado uso por parte dos monfortinos, ó tratarse dunha rúa céntrica e de acceso a diversos centros públicos, entre os que se atopan os Xulgados e o Colexio dos PP. Escolapios. Por este motivo, dende o Equipo de Goberno do Concello considérase necesaria a súa reposición, a cal farase nos vindeiros días.

Da mesma forma, na parte final desta vía, na súa marxe esquerda á altura do edificio de Correos e do regato de As Malloadas, detectouse a desaparición dos bolardos que se colocaran inicialmente, o que da lugar a que os vehículos estacionen literalmente na beirarrúa, algo que está prohibido pola normativa, dándose ademais a circunstancia que existe a unha distancia inferior a 100 metros un estacionamento público gratuíto, polo que segundo o criterio da Policía Local, tamén se aconsella a reposición destes bolardos, actuación que tamén está incluída nesta obra de mellora.

Finalmente, neste tramo de rúa tamén existen bolardos na marxe dos impares os cales carecen de función ó estar autorizado o estacionamento, resultando incluso un atranco a súa presencia que afecta á apertura das portas dos vehículos estacionados, polo que se procederá á súa retirada definitiva, excepto os correspondentes ó tramo inicial en que a beirarrúa ten unha anchura superior ó resto.

Os traballos de renovación e reposición dos bolardos da rúa Conde serán desenvoltos nos vindeiros días pola Brigada de Obras do Concello, e contan cunha inversión de 7.600 euros.