O Concello de Monforte anuncia que dende mañá xa se pode disfrutar de paseos en barca polo río Cabe

Monforte de Lemos, 30 de xuño de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de comunicar que dende as 18:00 horas de mañá mércores 1 de xullo, monfortinos e visitantes xa poden disfrutar dos tradicionais paseos en barca polo río Cabe.

Deste xeito, do 1 de xullo ó 30 de setembro de 2020 o río Cabe será escenario dunha interesante e ó mesmo tempo divertida e refrescante proposta no verán da cidade.

Por mor do estado de alarma xerado pola crise sanitaria do COVID-19, neste ano os paseos en barca darán comezo un pouco máis tarde do habitual, pois era a mediados do mes de xuño cando se iniciaba normalmente esta actividade.

Neste senso, o Alcalde salientou que dende o Equipo de Goberno determinamos manter esta actividade porque “é unha tradición que mantemos no Concello dende hai anos,  e que permite gozar dunha perspectiva diferente da nosa cidade e que soamente é posible ter dende o río”.

Dende o Equipo de Goberno, tendo en conta as recomendacións das autoridade sanitarias ante a crise do COVID-19 dentro do estado actual de Transición cara a Nova Normalidade, establécense unha serie de normas de seguridade e hixiene para a utilización das barcas:

  • É obrigatorio o uso de mascarillas sanitarias.
  • A capacidade máxima das barcas será determinada polo encargado do servizo.
  • Será necesario o uso da solución hidroalcohólica que se porán a disposición dos usuarios.
  • Os usuarios contarán con chalecos salvavidas se son solicitados.
  • O encargado do servicio establecerá distancias de seguridade no caso de ser necesario.

“Os paseos en barca polo río Cabe”, continúa o Alcalde, “xa son durante os meses de verán un referente na programación cultural da cidade e un grande foco de atracción para a poboación local e para moitas persoas que nos visitan nesta época”.

O Club de Montaña e Piragüismo Quixós encárgase da xestión desta actividade, tanto do mantemento e condución das barcas como dos cobros e atención ós pasaxeiros.

Como é tradición, o punto de inicio dos percorridos será o embarcadoiro do Parque dos Condes e cada paseo, dunha duración de media hora, custará 3,25 euros como en anos anteriores.

Estas pequenas travesías en barca poderán facerse nos seguintes horarios:

  • Luns a venres, entre as 18:00 e as 22:00 horas
  • Fins de semana e festivos: tamén en horario de mañá desde as 11:00 e ata as 14:00 horas e pola tarde de 18:00 a 22:00 horas.