O Concello de Monforte, con Eduardo Iglesias ante o seu novo reto co rally Dakar

Monforte de Lemos, 25 de novembro de 2020. Na mañá de hoxe, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer, xunto ó piloto de motos, o monfortino Eduardo Iglesias, o equipo que en xaneiro de 2021 participará nunha nova edición do rally Dakar, sendo por segundo ano consecutivo o primeiro motorista monfortino en facelo. Na presentación, o Alcalde e Iglesias estiveron acompañados pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Servizos, José Luis Losada, e por un dos membros do equipo do piloto monfortino, Jesús Veloso Cachaldora.

O rexedor municipal, ademais de manifestarlle todo o apoio da cidadanía, destacou o apoio económico que dende o Concello se lle proporciona ó equipo do piloto monfortino, “unha axuda de 5.000 euros que sen dúbida contribuirá a que de novo Monforte e á Ribeira Sacra estean representados nun evento deportivo que xenera un enorme seguimento e ten unha repercusión mundial, con máis de 200 millóns de telespectadores”.

Da mesma forma, o rexedor municipal recordou que hai máis ou menos un ano por estas datas tiña lugar no Centro do Viño a presentación do equipo de Eduardo Iglesias, na que era a súa primeira participación neste mítico rally.

“Eran moitas as expectativas e as ilusións que poñíamos todos en Eduardo, pois era a primeira vez que un piloto monfortino participaba no Dakar, e a través del estaba representada non só a nosa cidade, senón tamén a Ribeira Sacra, e toda Galicia, xa que era o único motorista galego que participaba neste rally”, salientou o Alcalde.

Neste senso, cabe recordar que Eduardo Iglesias superou todas as previsións na súa primeira participación no Dakar: non so conseguiu rematar o que é o rally máis duro do mundo, que se celebrou en terras de Arabia Saudita, senón que ademais fíxoo entre os 100 primeiros clasificados, nunha meritorio posto 94.

“Este ano non lle imos pedir menos porque estou seguro de que Eduardo e o seu equipo volverán a dalo todo, co obxectivo de volver a rubricar unha exitosa participación nesta edición do Dakar, que transcorrerá, como en 2020, por terras de Arabia Saudita do 3 ó 15 de xaneiro de 2021” destacou o rexedor municipal.

O Alcalde concluíu a súa intervención manifestoulle o seu orgullo, e o de todos os monfortinos, por representar de novo a Monforte e á Ribeira Sacra nun evento deportivo desta índole, e desexoulle o maior dos éxitos nesta segunda participación no Dakar.

Pola súa banda, Eduardo Iglesias agradeceu o apoio que recibiu tanto dende o Concello como dende a Deputación de Lugo para este novo reto, e comprometeuse a acadar os éxitos conseguidos na súa primeira participación.