O Alcalde anuncia a ampliación do prazo para a recollida de mascarillas en Monforte

Monforte de Lemos, 26 de febreiro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a ampliación do prazo para a recollida das 190.000 mascarillas que o Concello de Monforte puxo a pasada semana a disposición de todos os cidadáns censados en Monforte, co obxectivo de facilitar ós veciños medidas de prevención e contención ante o Covid-19.

Deste xeito, a ampliación do prazo de recollida estenderase dende o vindeiro luns 1 e o venres 5 de marzo  e seguirá tenedo lugar no Edificio Multiusos.

O Alcalde destaca que “a pesar de que todos os días houbo unha afluencia constante de cidadáns para recoller as súas mascarillas no Multiusos, o certo é que dende o Concello detectamos que aínda son moitos veciños e veciñas os que faltan por recollelas, polo que decidimos ampliar 5 días máis para levar a cabo esta recollida e que todos os que así o desexen teñan tempo suficiente para facelo.”

“Cabe recordar que Concello de Monforte destinou, neste novo reparto masivo gratuíto, 10 unidades de mascarillas por persoa, que é a maior cantidade repartida por persoa, por unha administración pública, tanto local coma autonómica, cun total de 190.000 unidades de mascarillas, destinadas a todos veciños e veciñas censados en Monforte”, subliñou o Alcalde.

Estas 190.000 mascarillas engádense ás 70.000 mascarillas repartidas dende o Concello entre os xóvenes do municipio a principios do mes de xaneiro de 2021. No ano 2020 o Concello repartiu 150.000 mascarillas entre todos os cidadáns monfortinos, destinou 23.000 unidades a alumnos de todos os centros educativos e 12.000 distribuíronse entre os comerciantes e hostaleiros da cidade.

Recollida no Edificio Multiusos

Coa ampliación do prazo de recollida, as mascarillas poderán seguir sendo retiradas por todos os cidadáns censados en Monforte que aínda non o fixeran, dende o vindeiro luns 1 e ata o venres 5 de marzo no Edificio Multiusos  (ronda María Emilia Casas Baamonde), en horario de 9:00 a 14.30 horas.

Esta recollida poderá ser levada a cabo por un membro da unidade familiar, que deberá presentar o seu DNI, e poderá recoller o resto de mascarillas correspondentes ós membros da súa unidade familiar, asinando o correspondente “recibí”. Do mesmo xeito, poderanse recoller mascarillas correspondentes a outras persoas sempre que presente a correspondente autorización asinada.

Deste xeito, o persoal do Concello encargado do reparto farao a través de 4 mesas, seguindo as listaxes correspondentes establecidas por domicilios e rúas. Para saber en que mesa ten que recoller cada persoa as súas mascarillas, á entrada do Edificio Multiusos colocaranse estes listados nos que virán indicados en que mesa se atopa cada domicilio no que estea censada cada persoa.

O Alcalde concluíu destacando que “con este reparto de 190.000 mascarillas, ó que lle damos continuidade unha semana máis, o Concello de Monforte destinou para a súa poboación, dende o inicio da pandemia da Covid-19, máis de 445.000 mascarillas, unha cifra que creo que poucas administracións poden igualar, proporcionalmente falando. Dende o Equipo de Goberno mantemos así o noso compromiso de seguir axudando de forma continuada ós nosos veciños e veciñas, mentres dure esta crises sanitaria”.