O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación presenta unha nova APP para a promoción turística da comarca e da Ribeira Sacra

Monforte de Lemos, 16 de xuño de 2021. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este mércores a carón das Casitas da Compañía, en Monforte de Lemos, a APP Turisgalicia Ribeira Sacra, unha guía dixital que permite un acceso rápido e sinxelo a información útil e actualizada sobre os recursos patrimoniais, hostalería, hospedaxe, rutas, actividades e eventos da comarca. A institución provincial é a principal patrocinadora desta nova ferramenta para a promoción turística da Ribeira Sacra, que “axudará a recuperar a actividade dos sectores económicos que máis sufriron os efectos da pandemia: o turismo, a hostalería e o comercio local”, subliñou José Tomé.

Xunto ao Alcalde, no acto de presentación da APP participaron a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, alcaldes e representantes municipais dos concellos da Ribeira Sacra, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e Alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, ademais de Antía Vázquez Gómez, representante de Turisgalicia.

En concreto, asistiron os alcaldes de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela; de Pantón, José Luis Álvarez; de Paradela, José Manuel Mato; da Pobra de Brollón, José Luis Maceda; do Saviñao, Juan Carlos Armesto; de Taboada, Ramiro Moure; a Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada; o tenente de Alcalde de Portomarín, Pablo Rivas; o Concelleiro de Cultura de Quiroga, José Luis Rivera; así como diversos membros da Corporación municipal monfortina.

A aplicación para dispositivos móbiles Turisgalicia Ribeira Sacra contén unha guía de ocio actualizada, unha selección de experiencias de turismo, deportes e ocio, lugares de interese, unha oficina virtual de turismo, un apartado específico sobre o Camiño de Santiago con todos os recursos para o peregrino, unha relación de adegas, rutas e outra relación de centenares de empresas o que axudará á promoción do comercio local.

Os contidos da APP actualizaranse diariamente con novos eventos culturais e información dos concellos da Ribeira Sacra, entre os que está incluído Monforte de Lemos. Incorpora tamén un sistema de xeolocalización que permitirá coñecer de xeito instantáneo os recursos turísticos máis próximos e como chegar a eles. A APP Turisgalicia ofrece ademais un servizo de información de utilidade para os concellos e os veciños e veciñas, xa que integra un apartado de información municipal. Está dispoñible en castelán e galego, e pódese descargar en dispositivos Android e Apple. 

O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación subliñou que esta ferramenta dixital de promoción turística da que a institución é principal patrocinadora “axudará a recuperar a actividade dos sectores económicos que máis sufriron os efectos da pandemia: o turismo, a hostalería e o comercio local”. Explicou Tomé Roca que “nesta APP, os usuarios e usuarias poden encontrar, de forma sinxela, lugares, monumentos, rutas, paisaxes da Ribeira Sacra para visitar, pero tamén para aloxarse e para comer, o que repercutirá de xeito directo na súa actividade”.

José Tomé lembrou que, precisamente nesta liña de contribuír a reactivar a actividade turística, hostaleira e comercial dunha maneira estable e eficaz “tamén temos en marcha  dende a Deputación outra serie de medidas, como, por exemplo, os Bonos Impulso, descontos de 30€ para un consumo igual ou superior a 60€ en establecementos de toda a provincia, que xerarán un volume de negocio estimado de 1,5M€”. Os Bonos Impulso, lembrou, poderán solicitarse ata o vindeiro luns, 21 de xuño.

Engadiu o responsable provincial que a Deputación conseguiu ingresar na Ruta Transrománica do Consello de Europa, da que forman parte 10 igrexas románicas da Ribeira Sacra, e anunciou que “neste verán lanzaremos dous novos programas para incentivar o turismo de proximidade e o consumo de produtos locais, como son Saborea a túa Provincia e Coñece a túa Provincia”.

A estas medidas súmase o servizo de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra, en funcionamento polo Miño e o Sil desde mediados de marzo, das que xa desfrutaron máis de 5.500 persoas no que vai de tempada e para o que hai 6.000 reservas ata final de ano, “cifras que dan boa conta do retorno económico que esta oferta da Deputación ten na Ribeira Sacra”, destacou o Presidente e rexedor municipal.

Turismo sostible e de calidade

Tomé Roca remarcou que o apoio da Deputación de Lugo á aplicación Turisgalicia Ribeira Sacra “tamén ten que ver coa nosa aposta por seguir consolidando un modelo de turismo sostible, de calidade, sen masificacións, ao aire libre, que promove un fluxo de visitantes ao longo de todo o ano, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego no rural”. Un tipo de turismo que, segundo o Presidente, “está en auxe no escenario de saída da pandemia e polo que levamos moito tempo traballando na Ribeira Sacra e na provincia”.

O mandatario provincial remarcou a necesidade ter a oferta turística nas redes sociais. “É imprescindible levar as nosas paisaxes e monumentos á pantalla do móbil é facer accesible a información nos medios que hoxe emprega a maior parte da poboación, sobre todo a xente nova”, apuntou Tomé.

 “O traballo conxunto ten que ser clave na candidatura da Ribeira Sacra”

A colaboración da Deputación de Lugo, e tamén do Concello de Monforte, con esta APP tamén é, explicou o Presidente, “unha maneira de seguir apoiando a aspiración da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade”. Lembrou que a institución provincial foi a impulsora do movemento social e institucional no 2011 para presentar a candidatura da paisaxe a Ben Mundial e que a pesar dos “baches”, “dende a Deputación de Lugo, seguiremos facendo o que fixemos dende sempre: traballar para promocionar, visibilizar e poñer en valor este territorio único”. 

“Todos e todas percibimos que para a Ribeira Sacra houbo un antes e un despois dende que comezamos a impulsar a candidatura a Patrimonio da Humanidade. Mesmo sen acadar o galardón final, todos percibimos o cambio na proxección desta terra, en Galicia e fóra das nosas fronteiras. Notamos como cada ano sube o número de visitantes ou como medra o aprecio de produtos como os nosos viños”, asegurou José Tomé, quen, por iso, fixo un chamamento a todas as administracións e á sociedade para “seguir traballando nesta liña, coa confianza de que, mentres esperamos recoller o premio, seguiremos recollendo os bos froitos deste traballo conxunto. Un traballo conxunto que ten que ser a clave para o futuro”.

Difusión e promoción da APP

Para dar a coñecer a APP Turisgalicia Ribeira Sacra, divulgarase en canles dixitais, redes sociais e internet e distribuirase información sobre ela cun código QR en hoteis, restaurantes e oficinas de turismo dos concellos da comarca. Tamén haberá folletos informativos en albergues ao longo de todo o Camiño de Inverno, que abrangue  máis de 200 quilómetros, dende Ponferrada ata Santiago. Difundirase en medios de comunicación, estará visible en vallas publicitarias da Ribeira Sacra e presentarase en feiras e encontros de turismo.