O Alcalde inaugura as obras de mellora da fonte cibernética da Praza da Compañía

Monforte de Lemos, 10 de xullo de 2021. O Concello de Monforte de Lemos conta con diversas fontes públicas por toda a súa xeografía. Unha das máis concorridas é a que se sitúa na Praza da Compañía, que é un dos puntos de máis interese e afluencia turística da cidade.

O pasado mes de xuño o Equipo de Goberno acometeu os traballos de reparación da fonte cibernética da praza da Compañía, e na tarde  noite de onte, o Alcalde da cidade, José Tomé Roca, acompañado por diversos membros do Equipo de Goberno municipal, visitou a instalación para proceder á apertura de dita fonte, logo de concluír as accións de mellora executadas.

En concreto, as obras de mellora, que se levaron a cabo durante o mes de xuño, consistiron dunha banda, na reparación da fonte e doutra, no cambio da malla metálica, e a instalación dun peche perimetral na mesma.

Para a execución destas obras de mellora, o Equipo de Goberno destinou un orzamento total de case 40.000 euros (39.468,63 €, ive engadido).

Recentemente o Alcalde tamén inaugurou outra importante actuación no entorno desta céntrica zona da cidade, como foi a apertura das novas instalacións do Parque Infantil da Compañía, que contou cun investimento superior ós 145.000 euros.

A reparación da fonte cibernética da Compañía consistiu na substitución da reixa electrosoldada, formada por unha pletina de aceiro tipo Trámex, que recubre a fonte na súa totalidade. Esta actuación foi adxudicada á empresa monfortina Alumetal por un importe de 27.140,30 €, ive engadido.

Do mesmo xeito, a fin de evitar futuros deterioros na estrutura e funcionamento da fonte, tamén se levou a cabo a instalación dun cerramento perimetral, cuxa colocación foi adxudicada á empresa Global PCH Lugo, S.L.U., por un imponte de 12.328,33 €, ive engadido.

Esta actuación englóbase no programa de mellora de infraestruturas urbanas que o Equipo de Goberno de Tomé Roca leva posto en marcha dende o inicio do seu mandato.

 “Con esta actuación recuperamos e protexeremos a que é unha das fontes máis concorridas da cidade, situada nun dos puntos neurálxicos de Monforte, para o disfrute de todos os monfortinos e monfortinas, particularmente polos nenos e nenas, así como das persoas que nos visitan” sinalou o Alcalde.