O Alcalde inaugura as obras de mellora da praza de Doutor Goyanes

Monforte de Lemos, 12 de agosto de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, inaugurou as obras de mellora da praza de Doutor Goyanes e procedeu á súa apertura ó público, logo de concluír as accións executadas nela.

“Trátase”, en verbas do Alcalde, “dunha actuación certamente relevante que supón unha mellora significativa dunha das prazas que, pola súa ubicación, e das máis transitadas dentro do casco histórico da nosa cidade”.

Neste senso, subliñou o Alcalde, “con esta actuación na praza de Doutor Goyanes acadamos un espazo reordenado, totalmente accesible e diáfana, ó eliminar as barreiras arquitectónicas existentes, e cun pavimento totalmente renovado, que poderá ser de novo disfrutada polos monfortinos e visitantes”.

As actuacións de mellora na praza de Doutor Goyanes deron comezo á principios deste ano 2021 e contaron cunha inversión de 86.914,02 euros. A empresa Ocisat foi a encargada de desenvolver os traballos, logo dos cales acádase unha praza totalmente renovada.

Eliminación de barreiras, reordenación e renovación do pavimento na Praza de Dr. Goyanes

A praza de Doutor Goyanes é o resultado dunha intervención relativamente recente ó construírse a principios do século pasado o hotel Comercio, un dos escasos edificios singulares que se construíron en Monforte naqueles anos. Esta praza tivo sempre un marcado carácter comercial xa que nela asentábase o primitivo mercado e sufriu unha importante modificación coa apertura do Malecón.

Polas súas condicións dimensionais, polo tipo de construcións que a definen e pola súa importancia como espazo de repouso, o Concello decidiu levar a cabo obras de mellora nesta praza, dado que é ademais un espazo cunha marcada vocación peonil e que se conforma coma unha praza singular na trama urbana da cidade, que articula as rúas do Comercio, Dr. Casares, o Malecón, a rúa das Hortas, a Ponte Vella, Armando Cotarelo e Abelardo Baanante, estando unida en total a 6 rúas.

As obras que acometeu o Concello na praza de Doutor Goyanes supuxeron a renovación do seu pavimento e a eliminación das barreiras arquitectónicas existentes, así como a reordenación da súa estrutura e dos seus elementos, coa colocación de bancos e árbores.

“Coas obras que se levaron a cabo en Dr. Goyanes, buscamos devolverlle o carácter de pequena praza, recuperando a continuidade da rasante sen desniveis nin muros ou escaleiras que rompan a súa continuidade. Para conseguir isto, fíxose necesario levantar o anterior pavimento, para xerar esta nova topografía que queríamos acadar para a praza, quedando despois das obras totalmente diáfana, semellante á Praza de España, e humanizándoa, coa colocación de diversos bancos e árbores”.

Do mesmo xeito, coa reordenación espacial da praza e a eliminación das barreiras arquitectónicas existente, dotouse de continuidade ó itinerario peonil, conforme ó vixente código de accesibilidade.

Tamén, nesta obra de mellora utilizáronse materiais acordes co carácter histórico da praza e a súa consideración de BIC dentro do casco Histórico de Monforte.

Para elo utilizouse unha soleira armada de formigón, de 20 cm de espesor, sobre a que se colocaron lousas escuadradas de granito Silvestre abuxardado, de 10 cm de espesor. Este pavimento de pedra organizouse significando as direccións determinadas pola fachada lateral do antigo Hotel Comercio e a fachada á praza do edificio colindante.

“Con este proxecto, ó que hai que engadir a peonalización das rúas Armando Cotarelo e Abelardo Baanante, así como a renovación integral da escalinata que conduce a Santo Domingo e á igrexa da Régoa, cuxas obras están a piques de rematar”, destaca o Alcalde, “creo que estamos a mellorar significativamente esta área próxima á Ponte Medieval e no corazón histórico da cidade, favorecendo a calidade de vida dos nosos cidadáns. Dende o Equipo de Goberno, continuamos co desenvolvemento do programa de mellora de infraestruturas da nosa cidade, un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas e que vou cumprindo, tal como anunciamos”.