O Alcalde inaugura o curso de verán que a USC celebra en Monforte e no que a Ribeira Sacra é a protagonista

Monforte de Lemos, 19 de xullo de 2021. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou na mañá de hoxe o Curso de Verán, que  leva por título “A Ribeira Sacra: Paisaxe, Gastronomía e Terra de Viños” e que está organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración coa Deputación de Lugo e o propio Concello Monfortino

No acto inaugural, celebrado no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, o Alcalde e Presidente da Deputación estivo acompañado polo Adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, e o Presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luís Fernández Guitián. Tamén estivo presente o director deste curso de verán, o profesor Ignacio Díaz-Maroto Hidalgo. O curso celébrase dende hoxe e ata o vindeiro venres 23 de xullo.

Na súa intervención, o Alcalde salientou que “a temática arredor da que xira este curso fai que teña todo o sentido a súa celebración na nosa cidade, porque Monforte é a capital da Ribeira Sacra, que como todos saben aspira a ser Reserva da Biosfera e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. E a pesar do aprazamento, que tivo lugar hai un par de semanas na resolución da súa candidatura, estou seguro de que finalmente o conseguiremos”.

Neste senso, o rexedor municipal destacou a importancia actual da Ribeira Sacra “que é paisaxe e natureza únicos, é a maior concentración de Románico de Europa -precisamente a través da Deputación de Lugo, acabamos de entrar na Transrománica do Consello de Europa-; a Ribeira Sacra é excelente gastronomía, é viticultura heroica que produce excelentes caldos, é turismo sustentable, tranquilo de calidade e de experiencias, en definitiva, é un dos maiores tesouros escondidos da Península Ibérica”.

Tomé Roca recordou que Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra son actualmente un dos destinos turísticos máis solicitados de Galicia, “o que da boa mostra do noso potencial e do actual incremento da afluencia turística que estamos tendo nos últimos anos. Proba diso, é que a Ribeira Sacra ocupa o primeiro posto no ranking dos 10 lugares únicos en Galicia”.

O rexedor monfortino incidiu na súa intervención no enorme potencial cultural, gastronómico, patrimonial e turístico da Ribeira Sacra, e destacou que “Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra están de moda, froito dun traballo intenso e ben feito dende hai anos, e cursos coma este tamén contribúen a dar a coñecer os importantes valores que posúen estas terras”.

O Alcalde e Presidente da Deputación recordou que a “Deputación de Lugo e a USC vimos de asinar un convenio de colaboración de preto de medio millón de euros (420.500 €), o maior que ten calquera Deputación de Galicia coa universidade, convenio que é no que englobamos accións e actividades deste tipo, cuxo obxectivo é a difusión do saber e da investigación científica”.

Finalmente, José Tomé desexou ós asistentes que “os que non coñezan a Ribeira Sacra, espero que a descubran, non só grazas ó completo e variado programa teórico que conforma estas xornadas, senón tamén a través das viaxes formativas que levarán a cabo estes días. Estou seguro de que entenderán porqué, como eu sempre digo, a Ribeira Sacra é un anaco do paraíso no interior de Galicia. Espero que este curso que estades a piques de iniciar faga de vós embaixadores da nosa Ribeira Sacra e que a descubrades e apreciedes como nós a apreciamos”.

 

O programa deste Curso de Verán da USC está composto por charlas e sesións lúdico-formativas a cargo de docentes, investigadores e profesionais de diversas áreas como son a cultura tradicional, a conservación do patrimonio etnográfico e arqueolóxico, a paisaxe, a gastronomía e a viticultura.

Ademais das charlas formativas, tamén está previsto a realización dunha viaxe pola Ribeira Sacra, que incluirá a visita ó Ecomuseo de Arxeríz, ó museo de San Paio de Diomondi, percorrerase un tramo do Camiño de Inverno,  tamén se visitarán dúas adegas da zona para realizar a correspondente cata de viños das últimas colleitas.

 

Programa Curso de Verán USC 2021