O Concello acota un espazo para vacinar diante do Ambulatorio de Monforte

Monforte de Lemos, 22 de febreiro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que o Concello acotou na mañá de hoxe un espazo para vacinar diante do Ambulatorio da cidade. Esta colaboración que o Concello vai prestar á Consellería de Sanidade, ten por obxecto para facilitar o desenvolvemento do proceso de vacinación da Covid-19 da poboación do municipio, en concreto as persoas maiores de 80 anos.

Esta decisión de colaboración foi acordada na Xunta de Goberno celebrada na mañá de hoxe, na que resolveu favorablemente a petición de colaboración presentada ó Concello monfortino polo Servizo de Atención Primaria de Monforte.

Deste  xeito, o Concello procedeu a acotar con vallas o espazo que hai diante do Ambulatorio, na rúa Dr. Casares, en concreto dende o aparcamento de discapacitados ata a porta da entrada principal do Centro de Saúde, nunha lonxitude de 15 metros.

Este espazo permanecerá acotado dende hoxe día 22 de febreiro, a fin de ser utilizado polo persoal sanitario no proceso de vacinación da Covid-19 que empeza cos maiores de 80 anos, e manterase acotado temporalmente mentres dure ese proceso.

“Dende o Concello, colaboramos co Sergas e coa Consellería de Sanidade para facilitar o proceso de vacinación ante a Covid-19 que se inicia hoxe coas persoas maiores de 80 anos, e que agardamos se desenvolva con normalidade e éxito, a fin de que cada vez sexa maior o número de veciños e veciñas vacinados, de cara á alcanzar a necesaria inmunidade de grupo que nos permita ir superando esta crise sanitaria”, subliñou o Alcalde.