O Concello de Monforte celebrará este domingo 15 a misa na honra á Virxe de Montserrat e os Fogos de San Vicente

Monforte de Lemos, 13 de agosto de 2021. O Concello de Monforte ven de anunciar a celebración de dous actos relacionados coas Festas Patronais, que serán os únicos que se celebrarán en relación as festas, debido ó actual estado de pandemia por mor da incidencia da Covid-19.

Dunha banda, a misa na honra da Patroa de Monforte, a Virxe de Montserrat, que se celebrará o día 15 de agosto ás 11 horas como viña sendo tradicional, e que, debido as obras na igrexa de San Vicente, a misa terá lugar na Igrexa de A Régoa.

Ás 9:30 h. procederase a botar 21 bombas de palenque.

Para acudir á celebración relixiosa, a comitiva da Corporación municipal e de autoridades sairá ás 10:45 horas dende o Concello, para recorrer a pé o percorrido ata a igrexa, acompañada polo tradicional grupo de gaitas e tamboriles. Á súa chegada á igrexa, tiraranse 6 bombas de palenque.

Todos os actos na honra á Patroa celebraranse no interior da Igrexa da Régoa, seguindo a normativa de hixiene e distancias de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias, e que suporán unha limitación do aforo e o uso obrigatorio de máscara.

Deste xeito, tras a eucaristía, celebrarase, no interior da igrexa, unha ofrenda floral reducida na que depositará frores ante a Virxe unicamente o Alcalde da cidade, José Tomé Roca. Tras elo, unha parella de baile tradicional executará dúas pezas tamén diante da Virxe, e dentro do templo.

Á saída da misa, tiraranse 12 foguetes de palenque, rematando así os actos relixiosos.

A segunda actividade que se celebrará relacionada coas Festas, serán os Fogos de San Vicente, que serán disparados o mesmo día 15 de agosto ás 12 da noite, tendo unha proxección semellante á de anos anteriores, aínda que terán unha lonxitude no tempo un pouco maior e tamén unha maior intensidade e calidade que en anos precedentes.