O Concello de Monforte honra á Virxe de Montserrat, Patroa da cidade

Monforte de Lemos, 15 de agosto de 2021. Na mañá de hoxe, a Corporación Municipal encabezada polo Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou nos actos litúrxicos de honra á Patroa da cidade, a Virxe de Montserrat.

Xunto cos fogos de San Vicente, que terán lugar hoxe a partir das 12 da noite, estas son as dúas únicas actividades relacionadas coas Festas Patronais de Monforte que se levan a cabo este ano por mor do Covid-19. O resto de actividades propias das festas patronais foi suspendido por responsabilidade sanitaria cos veciños e veciñas de Monforte ante o Coronavirus.

Deste xeito, a comitiva oficial encabezada polo Alcalde e formada por diversos membros da Corporación Municipal, así como por representantes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, isto é, Garda Civil, Policía Nacional e Policía Local, partiu ás 10:45 horas da Praza do Concello, como é tradición, para dirixirse á igrexa da Régoa, acompañados por un grupo de gaitas.

A tradición tamén marca que esta celebración na honra da Patroa de Monforte se celebre na igrexa de San Vicente, pero as obras de restauración que se están levando a cabo nela, fixeron que os actos litúrxicos do 15 de agosto se trasladasen á devandita igrexa da Régoa.

A chegada da comitiva oficial á igrexa da Régoa tivo lugar ás 11 horas; o párroco D. Rafael recibiu ó rexedor municipal e, tras elo, iniciouse a eucaristía na honra da Patroa de Monforte, a Virxe de Montserrat.

Todos os actos na honra á Patroa celebráronse no interior da Igrexa da Régoa, seguindo a normativa de hixiene e distancias de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias, e que supoñen unha limitación do aforo e o uso obrigatorio de máscara.

Deste xeito, tras a eucaristía, celebrouse, no interior da igrexa, unha ofrenda floral na que o Alcalde de Monforte depositou flores ante a Virxe. Tras elo, dous grupos de baile tradicional executaron dúas pezas tamén diante da Virxe e dentro do templo. Tras elo, concluíron os actos de honra á Virxe.

Os Fogos de San Vicente serán os protagonistas hoxe ás 12 da noite, e dende o Concello agárdase que veciños e visitantes poidan disfrutar deles. Neste senso, dado que estes fogos son visibles practicamente dende calquera punto da cidade, dende o Concello recoméndase, á hora de velos, que se respecten as distancias sociais e se sigan as recomendacións das autoridades sanitarias ante o Coronavirus.