O Concello de Monforte informa de novas restricións por mor da Covid-19 que afectan a instalacións deportivas municipais, segundo a Orde da Xunta de Galicia

Monforte de Lemos, 21 de xaneiro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de novas medidas e restricións establecidas polas autoridades sanitarias e, que neste caso, afectan ás instalacións deportivas municipais do Concello de Monforte por mor da Covid-19.

A orde do 19 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, dispón unha serie de medidas que afectan á actividade que actualmente se realiza nas Instalacións Deportivas Municipais (modificación do punto 6 do anexo III da Orde do 3 de decembro de 2020).

Deste xeito, o Alcalde ven de asinar tres decretos nos que se establecen os novos protocolos de uso que afectan ás actividades desenvoltas nas instalacións deportivas municipais, en xeral, e especificamente á Piscina Municipal é a Pista de Atletismo Saleta Fernández López.

De entre as medidas máis destacadas cabe sinalar:

  • Prohíbese a utilización de vestiarios en todas as instalacións deportivas, a excepción da Piscina Municipal, na que se poderán utilizar durante o tempo imprescindible. Non ocorre o mesmo coas duchas, que non se poderán utilizar.
  • A práctica deportiva, tanto federada como non federada, poderase realizar de forma individual ou en grupos de máximo 4 persoas, máis, de ser o caso, monitor ou adestrador.
  • Debido a que a Xunta de Galicia suspendeu as competicións deportivas de nivel autonómico, durante o tempo que duren estas restricións, non se levarán a cabo eventos deportivos federados nas instalacións deportivas municipais de Monforte.
  • Modificase o aforo do vaso grande da Piscina Municipal que pasa de 30 persoa a 24, cun máximo de 4 por rúa.

O rexedor municipal insiste en pedir ós monfortinos e monfortinas “que sigan en todo momento as recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias e que entendan estas novas restricións de uso das instalacións deportivas municipais, a fin de paliar, coa colaboración de todos, os efectos desta pandemia”.

 

Protocolo de uso de instalacións deportivas municipais

O protocolo de uso, dacordo coas últimas normas establecidas pola Xunta de Galicia para facer fronte á nova realidade ocasionada pola pandemia do Covid-19, aplicarase nas seguintes instalacións deportivas municipais de Monforte:

  • Pavillón Municipal da Pinguela
  • Pavillóns polideportivos escolares
  • Campo Municipal de Fútbol da Pinguela
  • Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas

Este protocolo afecta unicamente ós adestramentos, e no caso competicións deportivas, cando estas se poidan efectuar, se establecerá o correspondente protocolo.

Poderán acceder ás instalacións deportivas aqueles clubs e entidades deportivas aos que lles sexa concedido o seu uso durante a tempada 2020 – 2021. Unicamente poderán acceder nos días e horas que lles sexan concedidas.

So se permitirá o acceso ás instalacións a deportistas, persoal técnico e directivos do club deportivo non estando permitido o acceso de público e acompañantes. So se permitirá o acceso á pista ou terreo de xogo a deportistas e persoal técnico. Directivos e responsables do Club poderán acceder á instalación deportiva pero non á pista e ao terreo de xogo.

A actividade deportiva que se poderá realizar nas instalacións está suxeita aos seguintes criterios de uso:

  • A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico. No caso da práctica de forma colectiva, o máximo será de catro persoas de forma simultánea, sen contar, de ser o caso, o monitor.
  • Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata catro persoas, sexan ou non convivintes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante a celebración da actividade.
  • No caso da práctica de deporte federado, en canto ao número de compoñentes dos grupos de adestramento, quedarán sometidos ás mesmas limitacións co resto da actividade física e deportiva (catro persoas, sexan ou non convivintes).
  • Con carácter xeral non se compartirá ningún material e, se isto non fose posible, o club deberá garantir a presenza de elementos de hixiene para o seu uso continuado.
  • Será obrigatorio o uso de máscara en todo momento, excepto durante a realización da actividade deportiva e sempre e cando se manteña a distancia de seguridade interpersoal. Cando o deportista non utilice a máscara é importante gardala axeitadamente para evitar que contamine ou se contamine.
  • Adestradores e técnicos deberán levar máscara en todo momento aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.
  • Ao remate de cada adestramento o club deberá realizar a limpeza e desinfección de todo o material empregado. Para elo poderán utilizar desinfectantes como dilucións de lixivia (1:50) recentemente preparada ou calquera dos desinfectantes con actividade viricida que se atopan no mercado e debidamente autorizados e rexistrados. No uso dese produto respectaranse as indicacións da etiqueta.
  • Tras cada limpeza, os materiais empregados e os equipamentos de protección utilizados desbotaranse de xeito seguro, e procederase posteriormente ao lavado de mans.
  • Tanto os produtos necesarios para a desinfección do material deportivo como os xeles desinfectantes para os deportistas e persoal técnico deberá ser subministrado por cada un dos clubs deportivos usuarios das instalacións.
  • Non se permite o uso dos vestiarios e duchas. Todos os deportistas deberán acceder ás instalacións con roupa deportiva da casa.
  • O calzado que se utilizará para levar a cabo os adestramentos será diferente ao que traia o deportista da rúa. Este deberá trasladarse en bolsa independente.
  • As bolsas, mochilas ou efectos persoais só se poderán deixar nos espazos habilitados para ese fin. Non se poderá deixar nada na instalación ao rematar o seu uso.
  • Os deportistas non poderán compartir alimentos, bebidas ou similares.
  • Antes de entrar e ao saír do espazo asignado deberán limparse as mans con xel desinfectante que deberá estar dispoñible no espazo habilitado para o efecto.
  • Entre a entrada e a saída de grupos de adestramento establécese un tempo obrigatorio de distanciamento de 15 minutos a descontar do tempo que cada grupo ten de adestramento.
  • No interior da instalación non poderán coincidir os grupos ou equipos que finalizan o seu adestramento cos grupos ou equipos que o van a iniciar. Deste xeito os grupos ou equipos que van a iniciar os seus adestramentos terán que esperar a que os equipos que o finalizan abandonen a instalación. Os responsables dos clubs terán que velar porque esta norma se cumpra e controlar os accesos dos seu equipos.
  • De ser o caso deberán respectarse as circulacións interiores establecidas en cada unha das instalacións.
  • Os clubs deportivos deberán levar un rexistro diario de todos os usuarios que realicen os adestramentos e que accedan ás instalacións, que inclúa o nome e apelidos do deportista ou membro do club e o horario de acceso e saída da instalación deportiva.
  • Os clubs deportivos deberán efectuar un control estrito do acceso ás instalación que quedará restrinxido unicamente a xogadores, adestradores e directivos do Club Deportivo.
  • Os clubs deportivos deberán rexistrar calquera incidencia que se produza en relación  co COVID-19 e comunicarlla inmediatamente ó Concello de Monforte.
  • Estes rexistros deberán estar a disposición do Concello de Monforte que os poderá reclamar en calquera momento.
  • No caso de que algún usuario das instalacións deportivas teña sintomatoloxía do virus COVID-19, deberá informar de xeito inmediato ao servizo galego de saúde para iniciar o protocolo previsto pola Consellería de Sanidade

 

Protocolo de uso da Piscina climatizada municipal e  ximnasio

En xeral, para estas instalacións establécense as seguintes medidas xenéricas:

  • A piscina climatizada municipal poderá ser utilizada tanto por abonados como por persoas que accedan ó centro adquirindo unha entrada puntual de día.
  • Para acceder ás instalacións non será necesario concertar cita previa pero sí será necesario respectar os aforos establecidos para cada un dos espazos.
  • Os aforos establecidos para cada un dos espazos son os seguintes:
    • Vaso grande (25 m. x 12,5 m.): 24 persoas (max. 4 en cada rúa)
    • Vaso pequeno (12,5 m. x 6 m.): 15 persoas
    • Ximnasio: 20 persoas
    • Vestiario masculino: 17 persoas
    • Vestiario feminino: 17 persoas
    • Cafetería: 6 persoas
  • Establecerase unha circulación obrigatoria no interior da instalación que terá que ser respectada por todas as persoas usuarias. Esta circulación estará indicada con sinais de dirección e cartelería.
  • Haberá xeles desinfectantes en diferentes puntos da instalación a disposición das persoas usuarias.
  • Colacaranse carteis coa normativa de uso dos diferentes espazos así como coas limitacións de aforo establecidas.
  • No interior da instalación é obrigatorio o uso de máscaras en todos aqueles espazos non deportivos (recepción, corredores de circulación, vestiarios e cafetería).
  • É obrigatorio desinfectar as mans ó entrar na instalación facendo uso dos dispensadores de xel desinfectante que estarán a dispor das persoas usuarias.
  • Procurarase manter a distancia de seguridade de 1,5 metros co resto de persoas usuarias.

    Normas específicas para usuarios/as da Piscina:

  • É obrigatorio respectar os aforos establecidos para cada un dos vasos.
  • O acceso ó vaso grade realizarase, obrigatoriamente, pola marxe máis próxima á saída dos vestiarios. Do mesmo xeito a saída do vaso debera realizarse polo mesmo sitio, estando prohibido o acceso ou a saída do vaso por outra zona diferente á establecida.
  • Será o/a socorrista a persoa que controlará que se cumpran os aforos establecidos en cada un dos espazos.
  • Unha vez completo o aforo dalgún dos espazos o usuario non poderá acceder e terá que esperar á saída doutros usuarios/as.
  • Non se permite a utilización do jacuzzi.
  • Non se permite a utilización das saunas.
  • Non se poderá utilizar o material destinado a cursos de natación nin doutra índole, dispoñible na instalación. No caso de precisar material de adestramento cada usuario deberá levar o seu propio.

    Normas específicas para usuarios/as do Ximnasio:

  • É obrigatorio respectar o aforo establecido para o ximnasio.
  • Unha vez completo o aforo o/a usuario/a non poderá acceder ó ximnasio e terá que esperar á saída doutros usuarios/as.
  • É obrigatorio limpar as mans con xel desinfectante antes de entrar ó ximnasio.
  • É obrigatorio manter a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros, así como o uso de máscara en todo momento, incluído durante a práctica deportiva.
  • É obrigatorio a desinfección do material compartido despois de cada uso. Para iso establecese un punto de desinfección onde os usuarios/as terán á súa disposición todo o necesario para levar a cabo a desinfección do material utilizado.
  • É obrigatorio o uso de toalla.

    Normas específicas para usuarios/as dos Vestiarios:

  • Está permitido o uso de vestiarios durante o tempo necesario e imprescindible.
  • Non está permitido o uso das duchas.
  • É obrigatorio respectar o aforo establecido para os vestiarios.
  • Unha vez completo o aforo o/a usuario/a non poderá acceder ó vestiario e terá que esperar á saída doutros usuarios/as.
  • É obrigatorio o uso de mascara no interior dos vestiarios.
  • No interior dos vestiarios só se poderán utilizar para mudarse as zonas marcadas cun punto de cor verde.
  • Non se poderán deixar bolsas, mochilas ou calquera outro tipo de material persoal nas perchas ou enriba dos bancos. Todo o material persoal haberá que depositalo nunha das taquillas habilitadas. Para iso cada usuario deberá levar o seu cadeado que permita deixar a taquilla pechada.

    Normas específicas para usuarios/as da Cafetería:

  • É obrigatorio respectar o aforo establecido para a cafetería.
  • O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupación de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. Non está permitido o consumo en barra.
  • En canto ás agrupacións de persoas no interior do establecemento estarán limitadas a un máximo de catro persoas.
  • A cafetería estará aberta ata as 18:00 h. para consumo no interior.

 

Protocolo de uso das Pistas municipais de atletismo Saleta Fernández López

  • Poderán acceder á instalación calquera cidadán que desexe realizar unha práctica deportiva, incluídos os deportistas de alto nivel, de alto rendemento, profesionais, federados, árbitros ou xuíces e persoal técnico federativo.
  • A actividade deportiva non requirirá a concertación de cita previa coa entidade xestora da instalación (Concello de Monforte), senón que poderá utilizarse de xeito libre.
  • A instalación abrirá no seguinte horario:
    • De luns a venres non festivos entre as 08:00 e as 21:45 h.
    • Sábados de 10:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:45 h.
    • Domingos e festivos de 10:30 a 14:30 h.
  • Na instalación deportiva permitirase tanto a práctica de actividade física e deportiva federada como non federada.
  • A práctica de actividade física e deportiva, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva ata un máximo de catro persoas sexan ou non conviventes, excluído o monitor.
  • Con carácter xeral, non se compartirá ningún material e, se isto non fose posible, garantirase a presenza de elementos de hixiene para o seu uso continuado.
  • Antes de entrar e ao saír da instalación, deberán limparse as mans con xel desinfectante dispoñible na instalación.
  • Os técnicos, monitores ou adestradores deberán manter a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros e utilizar máscara en todo momento.
  • Utilizarase máscara durante o tempo de circulación entre espazos comúns e na entrada e saída á instalación. Só se poderá quitar a máscara no momento da práctica deportiva.
  • Para controlar os accesos delimitarase unha zona de entrada e unha zona de saída perfectamente diferenciadas.
  • Non se permite a utilización de baños nin vestiarios. Os deportistas deberán acceder coa roupa deportiva da casa.