O Concello de Monforte súmase mañá ó Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo iluminando de azul a Torre da Homenaxe

Monforte de Lemos, 1 de abril de 2021.  Como xesto simbólico e en en sinal de apoio ás persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), o Concello de Monforte iluminará mañá pola tarde-noite a Torre da Homenaxe de cor azul con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo.

Cada ano miles de edificios emblemáticos de todo o planeta ilumínanse de azul para apoiar e dar visibilidade ás persoas con TEA e ás súas familias. Trátase dunha campaña mundial promovida por Autism Speaks (Light It Up Blue, #LIUB), e apoiada por Autismo EuropaAutismo España e Autismo Galicia.

A campaña deste ano, a través do lema “Podo aprender. Podo traballar” pon o foco na educación e o emprego, dúas áreas fundamentais para mellorar da calidade de vida das persoas con TEA e conseguir a súa participación efectiva na sociedade.

O Alcalde, José Tomé Roca, sinala que “estímase que 7 millóns de persoas teñen trastorno do espectro do autismo en Europa, e en España, máis de 450.000. Para elas, o acceso á educación e ó emprego non son solo un dereito, senón tamén factores clave para a súa calidade de vida. Por iso dende o Concello de Monforte sumámonos a esta campaña, co obxectivo de darlle visibilidade e apoio ás persoas, e ás súas familias, que padecen este trastorno”.  

No pasado ano 2020 ilumináronse en España máis de 350 monumentos; en Galicia foron 35 edificios e monumentos, entre outros a Torre de Hércules, o CGAC, As Burgas ou a Cidade da Cultura entre outros moitos.

Este ano 2021, as diferentes asociación implicadas buscan o reto de chegar a 400 entidades iluminadas en España.