O teatro volve a Monforte este xoves con "O premio", da compañía La Quintana

Monforte de Lemos, 4 de outubro de 2021. O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no último trimestre do ano 2021, contando coas medidas de seguridade necesarias ante o Covid-19 para a realización de cada unha das actividades programadas.

Deste xeito, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó segundo semestre de 2021 en Monforte de Lemos, este xoves 7 de outubro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da obra para adultos O premio, da compañía La Quintana Teatro, obra composta por Santiago Cortegoso, dirixida por Marián Bañobre e interpretada por Raquel Espada, Victoria Teijeiro e Xurxo Cortázar.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes, sendo o aforo limitado seguindo a normativa sanitaria no momento da realización do espectáculo.

A venta de entradas farase dende unha hora antes da actuación ás 19:15 h e a entrada o salón de actos realizarase ás 20:00 h.

Sinopse

“O premio” é unha comedia aceda que fala da situación das persoas dentro dun futuro próximo no que o progreso tecnolóxico e a loita cara ao éxito económico, sentimental e social fose tal, que se viron obrigadas a caer en “O Premio” como única fórmula de conseguir a felicidade.

O premio é un reality en directo onde o público vota a quen merece levar o premio da súa vida: “Morrer logrando a fama. Todo por un soño”. Tres finais posibles en función do desexo do público.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será As virxes salvaxes da compañía Teatro do Noroeste que terá lugar o xoves 21 de outubro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.