Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra la política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +
16 - Xaneiro - 2018  |  13:58:37
Aviso Legal  |  Portada
Web en Galego GALEGO    |    Web en Castellano CASTELLANO    |    English Version ENGLISH

Comezan as obras de renovación da rúa do Conde

08/01/2018 - Novas de Monforte

Tal e como comprometera o Alcalde, esta mesma semana comezan as obras de renovación da rúa do Conde. De feito, esta mañá, o mandatario local, o concelleiro de Servizos, o director de obra e o encargado da empresa mantiveron unha reunión sobre o terreo para concretar certos detalles da actuación prevista e, posteriormente, proceder ó acopio de materiais.

 

Durante esta tarde, a Policía Local colocará carteis informativos para que os veciños saiban exactamente como se van ir desenvolvendo os traballos e as alteracións no tráfico; e mañá pola mañá comezarán as tarefas para levantar o pavimento actual. O mandatario local subliña que “en canto rematen estes traballos, a calidade urbanística da zona mellorará de xeito moi significativo”.

 

A obra que se vai acometer consiste na eliminación de barreiras arquitectónicas, na reordenación e renovación do pavimento: “a rúa do Conde, a pesar de ser unha rúa céntrica, que pertence ó casco histórico da cidade, sempre foi a grande esquecida e non se recorda ningunha obra de mellora en décadas”, indica o Alcalde, “nós entendemos que chegou a hora de mellorar integramente as condicións desa rúa para poñela en valor, porque ademais leva o nome que fai referencia a que Monforte é unha cidade condal”, engade José Tomé.

 

O Concello decidiu levar adiante esta obra para reducir o grao de perigosidade ó que se expoñen os peóns, para mellorar a accesibilidade ás vivendas e para regularizar as condicións do tráfico.

 

Polas súas condicións e dimensións, polo tipo de construción que a definen en boa parte do seu trazado, e porque conserva aínda un marcado carácter propio e representativo de vivir na cidade antes dos anos 50 do pasado século, é unha rúa na que se debe intervir con especial sensibilidade, coidando a elección dos materiais empregados na pavimentación e na súa disposición.

 

“A rúa do Conde ten unha marcada vocación peonil, pero polo menos, de momento, non pode deixar de cumprir unha función como vía de tráfico rodado, imprescindible neste momento para canalizaro tráfico cara zonas de recente edificación, bastante densificadas, como é o caso de Molinos de Antero, Estrela, Otero Pedrayo ou Lois Pereiro”, explica José Tomé.

 

 

Obxectivo das obras

 

A actuación quere dar resposta a unha demanda dos residentes, que debido á estreiteza da rúa, vén limitado o acceso ás súas vivendas polo estacionamento irregular de vehículos.

 

Ademais, o pavimento actual é unha capa de formigón moi antigo, mesmo foi remendado por treitos trala apertura de zanxas para introducir as redes de servizos. Esta situación xera embalsamentos de auga, que provocan incomodidades ós veciños.

 

O Alcalde sinala que “a reurbanización da rúa do Conde ten como obxectivo mellorar as condicións do tránsito da vía, independizando nos treitos que o ancho o permita, o tráfico rodado do peonil; eliminar as barreiras arquitectónicas existentes no pavimento e dotar de elementos disuasorios que impidan o estacionamento non autorizado”.

 

Por outra parte, vaise rebaixar lixeiramente a calzada para o tráfico rodado naquelas zonas nas que, polas condicións de amplitude da vía, deba coexistir o tráfico de vehículos e de peóns.

 

Tamén se vai impedir o estacionamento de vehículos fronte os accesos ás vivendas mediante a colocación de bolardos.

 

O Concello conta xa coa autorización de Patrimonio para realizar esta obra, cuxo custe ascende a 171.665 euros.

 

Esta obra está incluída dentro do Plan Único da Deputación. O Concello aporta 42.916 euros, unha cifra que representa o 25% do total, mentres que o organismo provincial vai achegar 128.749 euros, o 75% restante.



    Libro Lois Pereiro #2015anoLoisPereiro
    Novas Axudas ARI
    Escudo do Concello de Monforte de Lemos

    (c) Concello de Monforte de Lemos
    Campo Santo Antonio S/N
    27400 Monforte de Lemos (Lugo)
    Tlf. 982 40 25 01

    Consultas e Soporte Web:
    webmaster@monfortedelemos.es
    Icono de conformidad con el Nivel Doble-A, 
	de las Directrices de Accesibilidad para el 
	Contenido Web 1.0 del W3C-WAI ¡CSS Válido!Valid XHTML 1.0 Transitional
    Programación e Deseño Web: Ainet Consulting