Festa e lecer

FESTA E LECER

 

Monforte de Lemos é unha cidade de preto de 20.000 habitantes que durante as súas festas patronais case duplica a poboación. As festas na honra á Virxe de Montserrat celébranse entre o 11 e o 16 de Agosto. Durante eses días Monforte énchese de espectáculos musicais e de entretemento en prácticamente todos os espazos da cidade, Praza de España, Río Cabe, Parque dos Condes, Cardeal e explanada da Compañía. É aquí onde se celebran os concertos nocturnos que atraen a multitude de visitantes. 

Co festival “A rúa é vosa” a maxia, a música, o humor, as acrobacias enchen as rúas da cidade con propostas para @s máis pequen@s e @s maiores. O día 15 de agosto é o Día da Patroa, a Virxe de Montserrat. Ese día autoridades e veciñ@s reúnense na Casa Consistorial para subir á igrexa de San Vicente e participar da misa e da Ofrenda Floral á Patroa da Cidade. Os actos oficiais contan co acompañamento da Banda de Gaitas e do Grupo de Baile Tradicional, a misa está cantada pola Coral Polifónica do Concello de Monforte. O Día da Patroa tamén se celebra o Día do Gaiteiro, que pretende dignificar a riqueza cultural galega nas súas diferentes expresións. Por este motivo durante a mañá e a tarde grupos de gaiteir@s de diferentes lugares de Galicia realizan pasarrúas e actuacións. O punto e final a esta xornada realízase, ademais de coa verbena e o concerto gratuito dalgún artista/grupo famoso na Compañía, coa sesión de lumes artificiais de ar desde San Vicente. É ás 00.00h da noite cando o ceo de Monforte se enche de cor durante case media hora. Co contorno de San Vicente como escenario de fondo, os lumes de ar atraen cada ano a máis visitantes.

 

 

 

 

O 16 de agosto Monforte pon fin ás súas patronais e faino con outro grande concerto e verbena… Mentres tanto, outra vez ás 00.00h da noite o  Paseo do malecón e a contorna do río énchense de xente. Celébranse os lumes artificiais de auga. Esta sesión de pirotecnia que ilumina a Ponte medieval, vendo os lumes no ceo e reflectidos na auga do Cabe, concentra a toda a cidade de Monforte e é case un modo de despedir as festas.

   Ver vídeo Patronais Monforte 2017

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Monforte celebra outra festividade dedicada á Virxe de Montserrat, o Martes de Pascua, festivo local. Nesa xornada celébrase Eucaristía en San Vicente do Pino, seguida de procesión ata o Campo da Virxe, onde o alcalde cumpre coa tradición de renovar o voto de devoción, comprometéndose en nome do Concello e do pobo de Monforte, a continuar celebrando as festas do Martes de Pascua e o 15 de Agosto en honor á Virxe de Montserrat. Xunto coa renovación dos votos, esa xornada bendícense os campos, despois, se a climatología o permite, a procesión segue polas rúas de dentro da muralla, para terminar en San Vicente.

 

 

 

 

 

 

As festas dos diferentes barrios crean tamén un grande ambiente na cidade. As festas de San Antonio, as do San Juan nos Chaos, as do barrio de Carude ou da Estación son algunhas das citas de referencia ao longo do ano. Ademais destas festas populares, a cidade acolle outras celebracións de interese durante o ano como as festas de San Brais ou a Feira Medieval. A primeira ten un caracter eminentemente relixioso, celébrase en San Vicente e é unha cita que conta con grande tradición na cidade. A Feira Medieval ten unha traxectoria de 15 anos, é unha aposta do goberno local e cada ano máis visitantes reviven o medievo en Monforte.

 

 

 

 

 

 

 

 

A Feira Medieval chegou no 2017 á súa XV edición, celébrase a fin de semana de Semana Santa i e un verdadero atractivo turístico. Durante dous días monfortin@s e visitantes pasean as rúas e prazas da zona vella vestid@s de época e participan das diferentes actividades. Os postos de artesanía e gastronomía decoran as rúas e sucéndese os espectáculos de cetraría, malabares con lume, tiro con arco, actuacións musicais….

Na Praza de España onde se instala o Campamento Medieval temos un dos escenarios principais, outro punto de actividades é o adro da Régoa e no campo de terra dos Escolapios desenvólvense as Xustas Medievais onde se dan cita os señores e o pobo para ver loitar aos cabaleiros. Os restaurantes ofrecen tapas e menús medievais e as rúas decóranse para a ocasión, convertendo a Monforte nunha cidade medieval digna de visitar e desfrutar.

 

 

 

 Ver o vídeo da Feira Medieval 2018

Outra cita obrigada en Monforte é o San Mateo, romaría popular nos campos da Parte, nunha zona de envexable beleza onde conflúen os ríos Mao e Cabe. A romaría do San Mateo celébrase o 21 de setembro e é unha das máis multitudinarias do sur da provincia, con grupos de amig@s e familias que preparan casetas fantásticas para as súas merendas. Non falta a música durante todo o día.

No 2017 celebrouse por primeira vez o Festival do Viño, tres días para achegarse desde o Paseo do malecón de Monforte de Lemos aos viños da D.O. Ribeira Sacra e con diferentes propostas gastronómicas e de lecer para @s máis nov@s. Na súa primeira edición o Festival completábase cun concerto de varios artistas e grupos que se celebrou en San Vicente, facendo as delicias da xente que acudiu a desfrutar da música máis actual nunha contorna de luxo.

Para desfrutar de todas as posibilidades que ofrece Monforte recomendámosvos coñecer o comercio local, agrupado no Centro Comercial Urbano e sentarvos nunha terraza no Cardeal, na Compañía, na beira do río ou na estación saboreando os viños de Ribeira Sacra. Pola noite o ambiente continúa. A rúa de referencia da movida nocturna é Duquesa de Alba cos seus soportais típicos cheos de pubs, aínda que co paso dos anos, abríronse novos locais de lecer nocturno noutros puntos da cidade que propoñen ambientes diferentes e que contribúen a ampliar e diversificar as opcións de lecer durante a noite.