A Torre da Homenaxe, símbolo do poderoso Castelo de San Vicente

30/11/2018 Monforte, Montis Forte, naceu aos pés da fortaleza medieval do século XII, erixida sobre o Castro Dactonio, onde se atopaba o mosteiro de San Vicente do Pino, do século X. Estamos ante unha das maiores fortalezas de Galicia, na que a Torre da Homenaxe lembra a época na que a cidade era un icono do poder feudal da Idade Media. A Torre da Homenaxe mantense en pé en lembranza e como símbolo do poderoso castelo de San Vicente, pertencente aos condes de Lemos. 

A Torre é un dos elementos arquitectónicos máis característicos da cidade do Cabe. Construída entre os século XIII e XV, era o edificio máis importante dentro do castelo, acollía as Cerimonias de Homenaxe, rito que unía ao señor co seu vasalo. A Torre ten 30 metros de altura dispostos en catro pisos, 13 metros de lado e muros de 3 metros de grosor. 

A Torre vista desde o seu pé, impresiona, e desde as almeas ofrece un excelente miradoiro do Val de Lemos. Accedese a ela por unhas escalinatas que introducen ao visitante no ambiente medieval, así a porta de entrada érguese 8 m do nivel do chan para facilitar a defensa. O interior está musealizado e conta con armaduras, mobles, obxectos e debuxos e maquetas que lembran a época do seu esplendor. Na primeira planta construiuse un alxibe para almacenar a agua da choiva, na terceira planta atópase a Ventana da Raíña, que parece pedir ao visitante que teña un pouso na subida e se sente entre a pedra para viaxar no tempo. O ascenso constante ten a súa principal recompensa na parte superior ameada que ofrece unhas espectaculares vistas da cidade e da súa contorna.

A Torre da Homenaxe conta cun excelente estado de conservación a pesar de sufrir importantes danos durante as revoltas irmandiñas do século XV e ser vítima no 1672 dun incendio.

A visita á Torre ten un custe de 1,5 €. O horario de visitas no inverno é o seguinte:

De Martes a Venres: Grupos e visitas guiadas previa cita na Oficina de Turismo. Teléfono 982 404 715

Sábados, Domingos e Festivos: de 11:00 a 14:00h e de 16:00 a 19:00h

Coñece os monumentos de Monforte no apartado COÑECER desta web.