Do 5 ao 7 de xullo Monforte acolle o Festival do Viño da Ribeira Sacra

27/6/2019 Monforte acolle no Paseo do Malecón, os días 5, 6 e 7 de xullo, unha nova edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. Unha proposta diferente cun amplo programa de actividades que xiran ao redor do viño, auténtico protagonista do Festival por ser vehículo capaz de unir historia, tradición, cultura e paisaxe.

Nesta edición do Festival contarase coas seguintes adegas: Algueira, Peza do Rei, Ponte da Boga, Abadia da Cova, Alma das Donas, Lucenza, Atrium Vitis, Rectoral de Amandi, Petrón, Don Bernardino, Adega Vella, Condado de Sequeiras, Instinto Romano, Pilares de Belesar, Rectoral de Gundivós, Guímaro, Viña Vella, Tolo do Xisto, Malcavada, Tear, Coronin, Ciudáseis, Regina Viarum, Finca Míllara e Vía Romana.

No primeiro día do Festival desenvolveranse 3 Viñorutas, citas nas que se combinan as visitas a adegas coas visitas a mosteiros románicos, miradoiros sobre o Canón do Sil e o río Miño, rutas fluviais, artesanía e, por suposto, monumentos emblemáticos da cidade de Monforte de Lemos así como a historia, lenda e tradicións da Ribeira Sacra. 

Unha das Viñorutas do venres é a do río Miño “De Río e de Pedra”, con saída de Monforte ás 9.30 para visitar San Paio de Diomondi, os Codos de Belesar, navegar polo Miño e coñecer a Adega Pilares de Belesar. Tamén ás 9.30 comezará a Viñoruta de Monforte de Lemos, que comezará no conxunto monumental de San Vicente do Pino, percorrerá a cidade intramuros, visitarase o Centro do Viño da Ribeira Sacra onde se celebrará unha cata comentada, visitaranse a casas señorais de Monforte, a Ponte Vella e o Colexio Nosa Señora da Antiga, para rematar cun paseo en barca tradicional polo Cabe.

Na tarde do venres terá lugar a Viñoruta do Sil “De Viño e de Tradición”, con saída de Monforte ás 16.30 para coñecer a olería tradicional de Gundivós e visita ás adegas Ponte da Boga e Adega Vella con cata comentada e visita aos viñedos, rematando a ruta no Miradoiro de Soutochao. Todas as Viñorutas teñen a saída do Parque dos Condes. Cada actividade ten un prezo de 15€, 5€ para os cativos e para participar é necesario reservar no teléfono 622 83 77 08 ou no correo festivalmonforte@gmail.com

O 5 de xullo ás 18.00 h. será a apertura dos stands, para media hora despois celebrar a inauguración do Festival. Nesta xornada actuará na Praza de España, ás 23.00, Nova Galega de Danza e ás 00.30 será o concerto de Habelas Hainas.

sábado, 06 de Xullo, ás 11:30 h será a apertura dos stands. De 12.00 a 14.00 desenvolverase un taller infantil de Olería Tradicional; os nenos serán tamén protagonistas do taller "Descórchate" que terá lugar ás 18.00 e do contacontos das 19.00 con Anxo Moure. Nesta xornada o concerto da Praza de España correrá por conta de TheTeta’s Van, ás 23.30.

O sábado deselvolveranse 2 novas Viñorutas, a do Miño “Camiñando entre Viñas”, que sairá ás 9.30 desde o Parque dos Condes ,destino ó Cabo do Mundo con visita á adega Abadía da Cova e cata comentada; seguida de visita ao Pazo de Arxeriz e á igrexa románica de San Miguel de Eiré, para rematar na adega Casa Moreiras e regresar ao Paseo do Malecón. A Viñoruta do Sil “Sentindo Ribeira Sacra” sairá ás 16.30 cara Adega Algueira, visitarase un miradoiro sobre o Sil para despois navegar polo canón do Sil e regresar a Monforte.

O domingo, último día do Festivalo horario será de 11.30 a 14.00 contando con dous obradoiros infantís, contacontos ás 12.00 e o taller sensorial, Os Sentidos da Ribeira Sacra, ás 13.00.

Durante os tres días do Festival contarase ademais con stands de gastronomía con produtos da comarca e postos de artesanía. Desde o Concello faise un chamamento á participación de veciños e visitantes para gozar destes días de actividades pensadas para todos os públicos.

Accede á información da presentación do Festival