En marcha a Oficina de Atención ó Peregrino de Monforte de Lemos

14/09/2021 A Oficina de Atención ó Peregrino de Monforte de Lemos ubícase no paso do Camiño de Inverno pola cidade do Cabe, nos baixos do antigo hotel Comercio na Praza Doutor Goyanes. A oficina abre todos os días da semana, en horario de mañá de 9 a 14 horas, e de tarde de 17 a 20 horas e nela cóntase coa Credencial do Peregrino (a “Compostela”), que pode ser adquirida a un prezo de 2 euros e selada.

Estas novas instalacións servirán para desestacionalizar e distribuír ó longo de todo o ano a oferta turística municipal. Aquí o peregrino é recibido para ofrecerlle toda a información que precise sobre o Camiño, sobre a cidade, o municipio e Ribeira Sacra.

Conta con dous espazos diferenciados, o Punto de información e atención tanto para peregrinos como turistas e visitantes e un Centro de interpretación do Camiño de Inverno. Con todo a nova oficina conta con paneis informativos, fotografías e proxeccións audiovisuais sobre o Camiño de Inverno e sobre todo o que Monforte ten para ofrecer ó peregrino e ó visitante.

Aquí ofrécese tamén unha forma dinámica e divertida de achegarse ós recursos cos que conta Monforte, cun conxunto de 5 caixoneiras iluminadas, que o peregrino terá que abrir. Nelas afondarase nas seguintes temáticas:

  1. “Monforte antes de Monforte” sobre a orixe de Monforte e o seu primeiro poboamento, os coñecidos como “lemavos”.
  2. “A orixe de Monforte como núcleo”, coa referencia máis antiga que é a do Mosteiro de San Vicente do Pino.
  3. “O Monforte Medieval”, unha época de importante crecemento.
  4. “Monforte, as xuntas do reino e a guerra Napoleónica”.
  5. “Monforte, cidade e ferrocarril”, que recolle a nosa historia máis recente.

Entre o material promocional que a Oficina de Atención ó Peregrino entrega ó visitante destacan a Guía e o Plano do Peregrino. O Concello edita esta nova información turística, que se ofrece en galego, español e inglés, e nela resáltanse os principais puntos de interese que se poden atopar tanto na ruta pola que transcorre o Camiño na cidade, como os próximos a ela.