A vendima da vértixe

20/09/2020 A Ribeira Sacra está inmersa en plena vendima, a vendima da viticultura heroica. Para gozala máis que nunca o Concello de Monforte de Lemos conta co Miradoiro do Duque. Este Miradoiro sobre o Canón do Sil ofrece unha fermosa e ampla vista das ladeiras en socalcos que durante estes días se atopan en plena actividade de vendima.

Os traballos de recollida da uva sucéndense nas ribeiras do Sil, Miño e Cabe e cada ano atraen a máis visitantes interesados na nosa viticultura e nas particularidades dos viños que elaboramos neste territorio.

Centro do Viño da Ribeira Sacra, ubicado no casco antigo da cidade do Cabe, preséntase como visita imprescindible para mergullarse en todo o que ofrecemos desde este territorio que aspira a converterse en Patrimonio da Humanidade. 

centro do viño

O Centro do Viño conta con tapería, tenda de viño coas marcas de referencia da D.O. Ribeira Sacra e exposición. No espazo museístico as instalacións achegan ao visitante aos elementos naturais propios da Ribeira Sacra: terra, auga, sol, néboas, socalcos, arquitectura civil, natureza, románico, adegas, festas, tradicións, artesanía,...  Nunha visita guiada pódese gozar das fotografías, vídeos, esculturas, pinturas, sons e luces da Ribeira Sacra e coñecer a verdadeira historia do viño que forma parte da vida das persoas de aquí, conformando a súa personalidade, como eles conforman a do viño.