Monforte Natural para camiñar e desde a casa

18/01/2021 Os recursos turísticos cos que conta o Concello de Monforte precisan de tempo para coñecelos. Os monumentos e museos son algúns dos principais atractivos deste Municipio Turístico de Galicia, pero ademais o territorio do concello conta con multitude de atractivos naturais e paisaxísticos. 

Se o visitante busca contacto coa natureza, a veciñanza é ben coñecedora de en que lugares evadirse dentro da propia capitalidade municipal. A cidade conta con parques e xardíns en todos os barrios, pero hai espazos que son especialmente interesantes como a ladeira de San Vicente e o Parque dos Loureiros ou o Parque dos Condes

Parque Loureiros

Desde o Parque dos Condes poden iniciarse dous fermosos paseos ao carón do Cabe. Un deles é seguir o río dentro da propia cidade polo paseo fluvial e o outro, transcorre xusto en sentido contrario, levándonos ata Piñeira nun paseo un pouco máis longo no que acompañamos o discorrer do Cabe.

O caso é que o río Cabe é o principal recurso natural na cidade e a súa contorna, e ofrece espazos de verdadeira beleza e tranquilidade en lugares como a área recreativa de Ribasaltas e Villanueva.

Monforte é final da cuarta etapa do Camiño de Inverno a Santiago e inicio da quinta etapa, que levará ao camiñante ata Chantada. Facer o camiño é sempre unha atractiva opción de lecer para quen queira estar en contacto coa natureza.

E se seguimos querendo natureza, estamos na capital da Ribeira Sacra, territorio declarado BIC e para o que se persegue ante a UNESCO que sexa declarado Patrimonio da Humanidade e Reserva da Biosfera. Unha cita cunha natureza desbordante pode levarnos ata o Miradoiro do Duque sobre os viñedos en socalcos do río Sil ou ata o embarcadoiro da Ponte do Sil, no concello de Monforte, desde o que disfrutar dunha nova perspectiva e desde onde se inician as demandadas viaxes en catamarán polo canón do Sil.

Adicar uns días a vivir a natureza de Monforte de Lemos sempre é unha terapia para o espírito. O audiovisual “Monforte natural” fainos un percorrido por estes recursos. Visitámolos?

Ver o audiovisual

Coñece máis dos lugares de interese do Concello de Monforte de Lemos, na web de turismo do Concello. Para estar ao día de toda a actividade do Concello de Monforte de Lemos, séguenos en Facebook.