5 certificacións da Marca Q de Calidade Turística consolidan a Monforte como destino turístico responsable, accesible e de excelencia

8/01/2025 O Concello de Monforte de Lemos obtén a certificación da Marca Q de Calidade Turística, outorgada polo Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), en 5 espazos turísticos: a Oficina de Municipal de Turismo, o Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra, a Oficina Municipal de Atención ó Peregrino do Camiño de Inverno, o Miradoiro do Duque e a Torre da Homenaxe de San Vicente.

Estes espazos superaron con éxito os esixentes criterios de calidade establecidos polo ICTE, que avalían aspectos como a atención ao cliente, a accesibilidade, a seguridade, a sustentabilidade e a calidade dos servizos ofrecidos aos turistas. Coa obtención da Marca Q, o Concello de Monforte de Lemos, reforza o seu compromiso coa promoción do turismo responsable e sostible, contribuíndo ó desenvolvemento económico da cidade e ó benestar dos cidadáns.

“Este recoñecemento é un paso máis na nosa estratexia de seguir consolidando a Monforte de Lemos, como capital da Ribeira Sacra, como un destino turístico de calidade e excelencia para os nosos visitantes. Queremos seguir ofrecendo a quen nos visita un servizo impecable e unha experiencia única”, destaca o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca.

Recursos turísticos certificados.

  • Oficina Municipal de Turismo: A certificación asegura que a Oficina de Información Turística de Monforte de Lemos cumpre cos estándares máis altos en canto a atención ao cliente, dispoñibilidade de información actualizada e accesibilidade. Os visitantes poden contar cun servizo profesional e adecuado ás súas necesidades, o que aumenta a satisfacción e a posibilidade de repetir a visita.
  • Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra: O centro, que é un eixo fundamental na promoción do Enoturismo na Ribeira Sacra, ve reforzada a súa capacidade para ofrecer unha experiencia educativa e de calidade sobre a viticultura e o viño. A certificación potencia a súa relevancia como atractivo turístico de primeiro nivel dentro da Ribeira Sacra.
  • Oficina Municipal de Atención ó Peregrino Camiño de Inverno: A certificación da Marca Q é especialmente relevante para os peregrinos que transitan polo Camiño de Inverno. Garante que a oficina cumpra cos estándares de servizo, accesibilidade e orientación necesarios para asegurar unha experiencia de peregrinaxe positiva e enriquecedora.
  • Miradoiro do Duque e Torre da Homenaxe: Estes dous espazos singulares, ademais de ser puntos crave na oferta turística de Monforte de Lemos, benefícianse da certificación da Marca Q ó asegurar a calidade da información e a seguridade para os visitantes. Ademais, refórzase a súa conservación e promoción como patrimonio cultural, natural e paisaxístico da Ribeira Sacra, cada un no seu enclave paisaxístico, histórico, artístico e patrimonial respectivamente.

Miradoiro do Duque

Datos que avalan a importancia das certificacións obtidas

No que se refire a espazos singulares, nos que se inclúe a Torre da Homenaxe e o Miradoiro do Duque, en España, hai 7 espazos certificados deste tipo, 2 en Huelva, 2 Pontevedra e 3 Lugo, a Rede de Miradoiros de Sober, e agora a Torre da Homenaxe e o Miradoiro do Duque.

En canto a museos, en España, hai 36 establecementos certificados neste sector, e en Galicia 3, 2 en Pontevedra e 1 en Lugo, que é o Museo do Viño da Ribeira Sacra de Monforte.

En España hai certificadas 235 oficinas de información turística, das cales 14 están en Galicia, e 3 delas na provincia de Lugo: a Oficina Municipal de Turismo e a Oficina Municipal de Atención ó Peregrino de Monforte, ás que se engade a Oficina de Información Turística de Chantada.