Monforte cada vez máis visitado

11/09/2019 No que vai de ano, a Oficina Municipal de Turismo de Monforte recibiu máis de 11.200 visitas. O interese que esperta Monforte, capital da Ribeira Sacra, increméntase ano a ano, consolidándose como visita imprescindible para quen se achega a coñecer a Ribeira Sacra e para quen quere coñecer os nosos recursos turísticos e patrimoniais, ademais da nosa riqueza cultura e gastronómica.

O incremento de visitantes na cidade é constante ao longo do ano, atopando diariamente viaxeiros na zona de San Vicente, cidade vella, Escolapios ou contorna do río Cabe. Ademais nos períodos vacacionais, como Sema Santa, pontes ou os meses de xullo e agosto, o número de turistas increméntase progresivamente nos últimos anos.

Neste ano a Oficina Municipal de Turismo recibiu 2.352 visitantes en xullo e 4.420 visitas en agosto. Madrid, Barcelona, Valencia, Vizcaia e a propia Galicia son as principais procedencias dos nosos visitantes. A nivel internacional destaca o incremento do visitante francés, sendo tamén habitual a chegada de viaxeiros de Bélxica, Reino Unido, Alemaña, Italia, Portugal, Estados Unidos, Brasil ou Xapón. Dentro de Galicia, achéganse a Monforte, principalmente desde A Coruña, Lugo e Ourense.

A  maior parte dos visitantes á cidade veñen a coñecer o Conxunto Monumental de San Vicente coa súa Torre da Homenaxe ,que neste ano leva recibido case 10.000 visitas, os Escolapios, a xudaría ou a contorna da Ponte Vella no río Cabe. O municipio consolídase ademais como punto de referencia para achegarse a coñecer Ribeira Sacra desde miradoiros como o do Duque e por ser o núcleo de servizos máis importante deste territorio.