La Viajera Empedernida dinos que ver no corazón da Ribeira Sacra

21/06/2021 O blogue da Viaxeira Empedernida propón unha viaxe polas tres capitais galegas famosas pola conservación do seu legado xudeu e visita Ribadavia, Tui e Monforte de Lemos.

Monforte de Lemos preséntase como Capital da Ribeira Sacra e a primeira parada faina no Escorial galego “Nada máis chegar recíbenos un monumental edificio que nos advirte do interese do lugar,… Non podo deixar de pensar no afortunados que son os alumnos que alí estudan pois este monumento segue activo como centro de ensino e cada día pode contemplar este tesouro de beleza interior e exterior.”

“O Colexio da Compañía é só unha advertencia, marca o lugar de acceso á Idade Media. Para viaxar no tempo hai que subir a costa, que leva ao vello barrio xudeu, situado na parte alta de Monforte. Descubrirás que chegaches á xudería ao fixarte nos nomes das rúas. Esta parte de Monforte de Lemos é unha homenaxe a vellos oficios en memoria aos seus antigos habitantes, os cales se agrupaban por gremos: Zapaterías, Pescaderías,…”

A viaxe da Viaxeira Empedernida pasa polas rúas máis comerciais e con máis ambiente de Monforte para introducirte na xudería e desde alí chegar a San Vicente coa súa Torre da Homenaxe e o seu mosteiro hoxe convertido en Parador de Turismo. “A estas alturas do paseo xa descubrirías que a xudería de Monforte é un pequeno labirinto creado ao redor dunha muralla… Esta parte da cidade era tamén unha fortaleza sempre protexida pola gran torre atalaia, un punto de vixilancia de 30 metros que aínda se conserva na cima do monte de San Vicente. Presume de ser outra das iconas da cidade por esconder a historia da orixe do xentilicio: o monte forte.”

A viaxe complétase con visita ao río Cabe e conclúe así a estancia na cidade do Cabe “Como ves a oferta de Monforte de Lemos é en grao sumo completa. Cultura, historia, un lugar con soleira onde durmir, boa gastronomía e tentadoras actividades para os amantes do turismo activo, tanto na localidade como nos arredores, onde poderás gozar de todo o que ofrece a Ribeira Sacra.”

Aquí pódese consultar a información completa