11/11/2021 A estrea de Live is Life tivo que aprazarse para o 2022 por mor da pandemia, este retraso tamén posibilita que o director monfortino poida facer a preestrea na súa cidade natal. A cita será o 12 de novembro cunha historia de Albert Espinosa que o director ambienta na Ribeira Sacra, onde rodaba o pasado ano.
Multicines Hollywood en Monforte de Lemos acollerá ás 20.00h a presentación en primicia do filme, que se estreará en 2022 nas salas nacionais. Na sesión participarán De la Torre xunto a parte do equipo artístico, como David Rodríguez e Javi Casellas, e técnico, ademais do produtor Toni Novella.
O cine e os cines sempre apaixoaron a este creador monfortino que no 2016 pregoaba as Festas Patronais da cidade e así lembraba a súa infancia:
“Onde si que soñaba era no Teatro Lemos, un día, non sei cantos anos tería, 10 ou 11, a miña nai levoume ver unha película, lémbrome que había unha cola que arrodeaba toda a rúa, e sobretodo lembro aquela sala ateigada de xente, país, fillos, avos, intentaban sentarse naquelas butacas vermellas, entre o fume dos pitillos e o ruido das bolsas de palomitas. E todo se puxo negro de repente, e alí apareceu o meu amigo Elliot, tentando salvar a ET. Aínda lembro daquel silencio cando ET morre, e tamén lembro dos gritos de algarabía cando as bicis voan, e as bagoas nos ollos da xente cando se despiden os amigos mais raros e especiais que vira na miña vida.
Foi algo que nunca esquecerei, e de seguro que foi o xermolo de que eu me quixera adicar a contar historias, iso e que na miña casa non había un sábado na que non visemos en familia unha vaquerada, así chamaba meu pai aos western, xénero que adoro e pilar do cine que me gusta facer.”
Live is Life traslada ao espectador á noite de San Xoán a mediados dos anos 80 para narrar a historia dun grupo de cinco nenos nun pequeno pobo de Galicia. O director monfortino é un dos embaixadores de Monforte, da Ribeira Sacra e da provincia de Lugo.