Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, do 1 ao 3 de xullo

15/06/2022 Monforte acolle no Paseo do Malecón, os días 1, 2 e 3 de xullo, unha nova edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. Unha proposta diferente cun amplo programa de actividades que xiran ao redor do viño, auténtico protagonista do Festival por ser vehículo capaz de unir historia, tradición, cultura e paisaxe.

Nesta edición do Festival contarase con 27 adegas: Algueira, Peza do Rei, Ponte da Boga, Abadía da Cova, Alma das Donas, Lucenza, Rectoral de Amandi, Don Bernandino, Adega Vella, Condado de Sequeiras, Pilares de Belesar, Rectoral de Gundivós, Guímaro, Viña Vella, Malcavada, Petrón, Don Cosme, Cruceiro, Finca Cuarta, Cividade, Santa Mª de Nogueira, Val da Lenda, Proencia, Finca Millara, Gullufre, Ciudáseis e Amedo.

Os horarios de apertura e peche dos stands do Festival do Viño serán o venres, 1 de xullo, de 7 da tarde a 12 da noite. O sábado, 2 de xullo, de 11 da mañá a 3 da tarde, e das 7 da tarde ás 12 da noite e o domingo, 3 de xullo, de 11 da mañá a 3 da tarde.

Contarase  cunha Zona de Gastronomía con produtos da comarca e postos de artesanía. Haberá obradoiros infantís e como novidade contarase con dous obradoiros para adultos de Iniciación á Cata de Viños da Ribeira Sacra. Con aforo de 30 persoas as catas realizaranse nun espazo do Stand de Recepción denominado “Sala de Catas”. 

Programa Festival do Viño 22

Desenvolveranse 3 Viñorutas, citas nas que se combinan as visitas a adegas coas visitas a mosteiros románicos, miradoiros sobre o Canón do Sil e o río Miño, rutas fluviais, artesanía e, por suposto, monumentos emblemáticos da cidade de Monforte de Lemos así como a historia, lenda e tradicións da Ribeira Sacra. 

  • venres 1 de xullo, a partir das 15:15 h., terá lugar a VinoRuta do Sil: “Ribeira e Bosque”, con percorrido en catamarán polo Canón do Sil e visita a Regina Viarum. Ruta de 1,5Km ao miradoiro Pena do Castelo e volta a Monforte de Lemos para disfrutar do Festival do Viño.
  • sábado 2 de xullo pola mañá, a partir das 9:30 h., terá lugar a ViñoRuta do Miño: “Camiñando entre viñedos”, con ruta de sendeirismo nos Codos de Belesar, para coller o catamarán polo Río Miño, achegarse á Praia da Cova e visita a Vía Romana con cata comentada e regreso a Monforte.
  • Pola tarde, dende as 15.15 h., terá lugar a terceira das rutas, a VinoRuta do Sil: “Viño e Tradición”, que levará ós participantes a coñecer un oficio centenario como é a Olería de Gundivós no concello de Sober. Visitaranse as adegas Rectoral de Amandi e Adega Vella e o Miradoiro de Soutochao, para despois regresa a Monforte de Lemos. 

Actuacións musicais no Campo de San Antonio

venres día 11 ás 11 da noite, terá lugar a actuación de POL 3.14, cantante solista e compositor cunha importante traxectoria musical dende o 2010, cun estilo único sen tapuxos e con personalidade, que o situou na escena dentro do ámbito da música pop actual.

sábado 2 de xullo, tamén ás 11 da noite, a compañía Nova Galega de Danza fusionará en vivo danza e música de raíz galega, tradición e vangarda con vocación universal, a través do seu espectáculo chamado “Leira”, coa colaboración da artista Rosa Cedrón.

Despois da inauguración do festival, que terá lugar o venres 1 de xullo ás 7 da tarde, terá lugar a actuación de Donaire, asociación musical folclórica que conta cunha longa traxectoria de actuacións e premios acadados, e que está  formado por bailaríns, pandereteiras e un grupo musical.

 Accede aquí á información da presentación do Festival.

Programa Festival do Viño 22