Un entroido seguro en Monforte

16/02/2022 O Entroido é unha celebración que se vive con moito interese no municipio de Monforte, na comarca de Lemos e en toda a Ribeira Sacra. As principais actividades desenvólvense desde o xoves, 17 de febreiro, co Xoves de Compadres. Segundo a tradición, as mulleres roubaban as roupas dos homes, para nesta xornada vestir aos compadres; unha semana despois, para o Xoves de Comadres, o xoves 24 de febreiro, o proceso sería á inversa.

Na actualidade familias e grupos de amigos preparan os seus compadres e as súas comadres que durante estes dus xoves visten a cidade de colorido, humor e entroido.

Despois dos xoves de compadres e o de comadres, Monforte celebra o seu desfile de comparsas e carrozas o Martes de Entroido, o día 1 de marzo. Nesta xornada a diversión protagoniza a tarde na cidade do Cabe. O desfile xunta cada ano a persoas, pandillas e centros de ensino que levan a música e a festa pola cidade. O desfile sae ás 17.00 horas da Praza da Estación para seguir por Calvo Sotelo e Roberto Baamonde e rematar na explanada da Compañía coa entrega de premios.

O protocolo ditaminado polas autoridades sanitarias recolle unha serie de medidas básicas encamiñadas a garantir o uso seguro dos espazos públicos no exterior, como a obrigatoriedade do uso da máscara, a distancia interpersoal ou a hixiene de mans.

Da mesma forma, a utilización da vía pública para a celebración de desfiles ou exhibicións de música ou baile deberá desenvolverse nas condicións que determine a autoridade municipal correspondente, polo que dende o Concello trabállase para garantir a celebración dos mesmos, velar polo cumprimento das medidas de seguridade, hixiene e distancia interpersoal vixentes.